Opinión

O espumoso de Gulías

O autor ou autores do nacemento do champagne é descoñecido, aínda que algúns escritores atribúen a súa paternidade, no século XII, a Pierre Pérignon, coñecido monxe beneditino da abadía de Hautvllers, situada preto de Épernay. Así, a partir dunha lograda mellora do viño tinto, célebre na rexión, desenrolou un caldo case branco e efervescente, non moi apreciado nese intre pola presenza de gas no interior da botella, feito considerado como signo dunha vinificación defectuosa. Habería que esperar dous séculos ata que espumoso e champán se converteran en sinónimos de calidade.

O arquitecto ourensán Daniel Vázquez–Gulías nace na cidade das Burgas no decurso do ano 1860, nun vello caserón sito na rúa da Liberdade, en pleno casco vello da cidade, ocupado máis tarde polas dependencias do antigo colexio Sueiro e posteriormente do María Goretti. Gran debuxante, deseñou con grande delicadeza os seus numerosos proxectos construtivos dentro e fora da nosa cidade. Moitos deles actualmente perdidos, conservándose afortunadamente algúns en mans de familiares, ademais dos existentes tanto no Arquivo Municipal do Concello de Ourense como no da Deputación Provincial.

De forte carácter creativo ao que se sumou un manifesto interese pola promoción dos produtos autóctonos da nosa terra, ao que se sumou o seu abondoso coñecemento sobre as ciencias naturais adquiridas ao longo dos numerosos viaxes a traveso de diferentes países europeos e asiáticos, sobre todo en Francia. Foi París o lugar do berce da súa arriscada aventura viño-vitícola, consistente na elaboración e comercialización dun champagne galego coñecido popularmente como “Grande Champagne Gulías”. Así, durante a súa estadía na capital de Francia, no ano 1898, asesorado polo seu compañeiro de estudos de L'écol de Beaux Art, oriúndo de Épernay, capital do champán, e grazas á adquisición de diversos fermentos, o mestre, como bo coñecedor da botánica así como da excelente calidade do viño da nosa terra, con ánimo e desexo de crear riqueza no súa ben querida provincia de Ourense, decidiu de modo conxunto co seu irmán Julio crear e explotar unha cava propia de champán, mesturando para elo unha selección das mellores uvas procedentes das viñas da súa propiedade situadas respectivamente en Razamonde, en pleno Ribeiro, e Ourense capital, feito que lle permitiu a elaboración e posterior comercialización, no ano 1919, dun dos primeiros champáns de Galicia, co que acadou unha excelente cualificación comercial de viño de “exquisito buqué”, de sabor excelente, pureza, transparencia e, en conxunto, aceptabilísimo,  de similar categoría aos mellores champáns franceses existentes no momento, embotellado a un prezo de 12,50 pesetas e logrando interesar a singulares e relevantes personalidades tanto do mundo das finanzas, como o seu amigo don Pedro Barrié de la Maza, conde de Fenosa, naquel intre presidente da compañía de tranvías, ou da política, como Luís Espada Guntín que ocupou importantes cargos de responsabilidade ministerial na capital de España. Un feito confirma a popularidade adquirida polo novedosa bebida: na inauguración do novo tramo viario de tranvías entre A Coruña e Sada, no remate do ano 1922, nunha mañanciña chuvieira e frieira, no acontecemento festivo brindouse co primeiro champán autóctono galego elaborado polo mestre arquitecto Gulías. Pero non só as personalidades citadas anteriormente amosaron a súa preferencia pola calidade deste novo caldo espumoso. Establecementos hoteleiros de alto nivel como o Hotel Palas de Madrid, Gran Hotel da Toxa, Hotel Atlántico da Coruña, entre moitos outros contaron nas súas ben selectas adegas ca bebida de moda galega igualmente solicitada polos mellores restaurantes das máis principais cidades de España: Málaga, Sevilla, Zaragoza, Burgos, Barcelona, Madrid, Valencia, etc. ao que acompañou os numerosos pedidos por parte de clientes particulares atraídos pola sona do famoso espumoso elaborado polo arquitecto ourensán.

Pero no só foi España foi quen degustou o viño espumoso pois sábese que se serviron numerosos pedidos solicitados dende América: Cuba, Bos Aires ou México o que demostra a boa acollida do produto confirmando a importante iniciativa e capacidade industrial existente naquel intre na nosa terra. Moitos ourensáns daquela época tiveron a grande oportunidade de degustar o novo produto, ata incluso de brindar con el nos momentos máis importantes da súa vida. Desgraciadamente como en moitas ocasións a singular experiencia rematou trala morte do seu creador.

Te puede interesar