Opinión

O expreso da morte

Subo ó expreso da morte para pasar polas estacións que arrodean o monte calvario. Cruzarei polas veigas e montañas dunha vida eterna que xa non é. Porque morrín no tempo de cando se exhala o derradeiro suspiro. No expreso da morte levo comigo o jazz de Wes Montgomery e catro palabras soltas que aínda están por escribir. Seguro que as escribo no tempo que vai do apeadeiro de Cantoña á estación de Baños de Molgas. Catro palabras soltas son fáciles de poñer sobre un raíl longo e sen atrancos. Estou no expreso da morte contemplando as paisaxes que veñen e pasan como recordos nunha tarde da infancia, de cando viviamos no limbo da nosa existencia, do noso vivir. Ó mesmo tempo son o estraperlista dos soños.

Subo ó expreso da morte porque xa chegou o meu tempo no que teño que deixar a herdanza de todo o que vin, berrei, escoitei, escribín e soñei. Deixo todo o meu saber, que é pouco, pero... os recordos son o que son. Eu por suposto que só analizarei os bos. Os malos viaxarán neste expreso da morte que cruza as estacións como quen leva o demo detrás. Ou ó mellor ata poida que vaia o demo dentro. Aínda que o máis seguro é que me fago unha película de todo, cando nin tan sequera existe un guión. Polo de agora, deixo de contemplar as paisaxes, caio de xeonllos e co ruído do troupeleo do expreso da morte, berro unha oración por este espírito que se deixa ir polas vías dunha existencia que xa pasou. Requiescat in pace para os que soñamos cos biosbardos.

Te puede interesar