Opinión

O futuro

Sabemos que o mundo despois deste andacio mortífero e deste peche mundial nas casas será outro. Algúns agoiros pensan que todo irá castastroficamente mal, e outros pensan -pensamos- que nin tanto. A única verdade absoluta, sen fallo, é a que fixo o colectivo de filósofos arxentinos que operan baixo o nome de Les Luthiers: “Todo tiempo pasado fue anterior”. E pouco máis se pode aproximar porque é a presente unha situación nova na historia da humanidade. Nada se pode predicir do que virá. Ou si. E voulle dar a volta ao dito de Rajoy, a ese o no” con que acababa as súas predicións e que lle permitía acertar ao cen por cen sempre. E voume poñer positivo, non só porque de negativo non se gaña nada, senón porque o creo, e a actitude aliméntanos. Imos alá.

Esta crise está espertando o mellor de nós e tendemos a valorar cousas que antes non viamos nin coas luces largas, nin coas cortas. Sabemos que no medio da pandemia o tecido social está moi san. A xente é boa xente. Cada un desde o seu posto tratamos todos de facelo o mellor posible e recoñecemos como nunca o traballo dos outros. A irmandade, a solidariedade, o axudarnos, o sorrirnos debaixo das máscaras, está aí. O arrimar o ombro, tamén. Desde os que fan proteccións na Molinera a Amancio Ortega ou calquera que lle fai a compra á veciña... Os que cantan nos balcóns. Os que aplauden. Moitos queriamos facer máis, pero non sabemos como. E recoñecemos como nunca o traballo dos realmente importantes: os que nos coidan a saúde, os que nos dan de comer, os que nos traen as cousas a casa, os que nos entreteñen na radio e tv, os que neste momento de medo, manteñen o país funcionando, os solidarios. Si. Un camioneiro vale como cen Messis. Un gandeiro, como mil Cristiano Ronaldos. 

E a convivencia nas nosas gaiolas de cristal? Todos imos superando os inconvenientes e bendicimos as novas tecnoloxías. Decubrimos que o guasap tamén se pode usar para verlles as caras aos amigos, ás fillas, ás nais, á xente que queremos e temos lonxe. Tendemos a valorar o que temos e pensar positivo. Inventamos, a golpes, pero é así a historia, o teletraballo. Curioso -eu intuíao, e agora as cifras danme a razón- que o peche diminuise a violencia machista. Os homes non volven borrachos e quentes da discusión do bar. E pasan os días e sábense vulnerables... Decátanse de que contan pouco; e non se retroalimentan cos seus iguais na taberna. Na gaiola, sen as mulleres, non saben facer nada. Canto máis machito máis inútil na cociña, corazón, e na casa toda. E están os fillos diante. E os veciños poden oír. A diminución do 40 por cento na violencia que di o Ministerio de Interior, está aí, alegrémonos. E poden estar seguros que hoxe calquera berro de casa allea sería denunciado de inmediato. A solidariedade abre ollos e ponnos expectantes..

E fronte aos agoreiros que falan dunha crise como despois da II Guerra Mundial, eu digo que o noso tecido industrial está aí, en “stand by”, pero aí, íntegro, engraxado, con persoal, con ganas, con capital privado e público preparado para impulsar a recuperación e co actual motor do planeta sen afectación. (Wuhan, na China, é poucos máis ca unha anécdota. Viven alí 56 dos 1.400 millóns de chineses, o 4 %, e o resto está limpo e nunca parou. Hai máis contaxiados e máis do dobre de mortos en Ourense que en Pekín e Shangái xuntos. Problemas e graves, haberaos, pero recursos e actitude social, tamén. Confiemos en nós. Non imos ser peores sans que enfermos. Reconstruiremos unha sociedade con máis virtudes e mellores valores. Temos que logralo. Ímolo lograr. Seguro.

Te puede interesar