Opinión

O galo canta...

Hai unha canción infantil, da que tan só coñezo unha estrofa e descoñezo a súa orixe, que me veu á idea esoutro día cando escoitei o "discursu" do mozo asturiano ridiculizando maxistralmente ós urbanitas que non són quen de durmir porque os galos cantan cando ven as primeiras raiolas de luz, e sobre todo ó xuíz -ou xuíza- que decidiu xotar do galiñeiro ós seus inquilinos naturais para que uns cantos visitantes ocasionais da aldea fosen quen de descansar coma na paz dos cemiterios.

Di a cantiga asi: "O galo canta, a galiña chora, polos pitiños que dormen fóra...".

Estou seguro de que arestora saberán ben do asunto que traio a colación e que tanta dose de humor nos regalou gracias a ese "mozu" tan imaxinativo, porque a parte de ter sido visualizado por non sei cantos milleiros de persoas na rede, a noticia acabou pasando por practicamente tódolos telexornais do mediodía e doutras horas.

É certo que a noticia de que un xulgado decidiu expulsar do galiñeiro unhas cantas pitas porque non deixaban durmir ós clientes dunha casa de turismo rural é desas que un non cre cando lla contan, ata que a ve reproducida nun medio de comunicación que lle da carta de veracidade á mesma. Pero, máis alá da anécdota, ben merece unha reflexión sobre cara onde estamos levado a esta sociedade do século XXI que está perdendo completamente o seu nivel elemental de raciocinio.

Non sei se concordará comigo, pero eu levo constatando de forma empírica -e non por un caso concretos, senón por unha chea deles, tan singulares coma  diversos- que a medida que os discos duros dos nosos ordenadores, as memorias dos nosos teléfonos móbiles e a nube, son capaces de almacenar cada vez máis e máis terabytes de información que temos á man con tan só ir ó google e escribir unha fórmula de búsqueda calquera, a esa mesma velocidade pero en sentido inverso nós imos relaxando a nosa propia masa gris, porque, á fin e ó cabo témolo todo ó outro lado dun simple movemento dixital.

Pode semellar apocalíptico, pero, mal que nos pese, é así. Poñámonos, se non, nunha situación cotián calquera: Están media ducia de amigos tomando algo nun bar, arranxando o país ou tratando de descubrir a pólvora, cando un deles desexa apoiar os seus argumentos cunha cita ou un dato que non sabe nin el mesmo nin o resto da cuadrilla. De súpeto -eu tamén son víctima propiciatoria- dous ou tres sacan o teléfono do peto e aí está, con todo luxo de detalles e enlaces suficientes para dar unha conferencia, o dato devecido. Entón, para que carajo imos ter a cabeza ocupada? E isto é certo. É máis. Debería deixarnos máis espazo para organizarmos mellor o pensamento. Pero, por desgracia non... Só así se entende que sexamos capaces de chegar a tan alto grado de tontuna.

Te puede interesar