Opinión

O inverno

Ooutono, ao parecer, é a estación do ano que segue ao verán e que comeza o vinte e dous  ou vinte e tres de setembro, para rematar xusto tres meses despois e darlle paso ao inverno, “a estación máis fría das catro que ten o ano”, con outros tres meses de duración alongándose, no hemisferio norte, ata o vinte e dous  ou vinte e tres de decembro. Así é como o trazan os teóricos, sen decatarse que o frío e/ou o calor veñen cando veñen, cando lles parece, incluso, cando menos se necesitan ou cando máis prexudican. 

Se alguén lles vai co conto aos nosos paisanos do sur desta terra de Galicia, sae aterecido, entanguecido de pés á cabeza, da invernía do outono destes días de neve, friaxe, auga e vento. Nevou todo canto quixo, con tanta intensidade e tanta forza que dobregaba a ramallada das árbores, o tronco das árbores, as verzas do horto, as xestas das xesteiras e as paredes, os valos, as sebes e tódolos cerres de tódolos poucos leiros que seguen sendo leiros.

Táboa rasa na terra do rural desvalido e deshabitado. Hai amplas zonas de Galicia nas que só quedan recordos e o Camiño de Santiago. Bendito Camiño! Zonas senlleiras e sobranceiras que se van co tempo e, moi á présa, co mal tempo. No verán, as mans do demo queiman os montes e cando vén este tempo a destempo, non hai deus que o pare. A neve encama nas follas e cae con elas, por arriba delas, e rompe o que atopa descoidado no seu paso cara abaixo. 

E, onde están os encargados?, os que cobran polo coidado dos servizos que deberían prestar para xustificar o `recibo´. Onde están?, meu triste amor, os que aproveitan a desfeita que eles mesmos fan para que alguén se aproveite dos paisanos, das terras dos paisanos, das árbores dos paisanos, do consumo eléctrico das silveiras que pagan os paisanos, da sabenza dos `teóricos´ que pagaron os paisanos, das follas que caen e da miseria estendida, de punta a punta, sobre os paisanos.

Xa o preguntaba a Tía Manuela, quen é o responsable e quen paga esta desfeita adrede? As árbores non estaban preparadas, non tiraron a folla a tempo, non prestaron atención á meteoroloxía. Equivocáronse! A catástrofe e a desfeita foi por culpa das follas.

Te puede interesar