Opinión

O pan noso de cada día

As terras empezaron xa a fumegar. E non porque empecen a arder (que xa empezan), senón porque o agricultor lanzouse a labralas de tal maneira que non hai lugar no que non vexas a alguén dálle que dálle co sacho ou coas maquinarias abríndoas, removéndoas, preparándoas; con rabia, uns, e con agarimo, outros. A xente estaba ansiosa. E con razón. Levamos un mes de atraso. Ou máis. A semana pasada asomou, por fin, o sol, e todos nos abalanzamos coma posesos a preparar o pan noso de cada día. Móllanse as camisas, tremen os saloucos, asoman os abafos, súan os coiros, escintilan os sachos, furgan os arados e roncan as máquinas. Pero hai que aproveitar o tempo. Non vai ser que...

Un mes de atraso. Máis ou menos. O día de onte de hai un ano andaba eu a atar nas vides. A atar. O que significa que xa tiña unhas boas ramiñas, uns bos pámpanos para alcanzar a altura dos arames. Pois ben, antonte aínda lle sulfatei as broullas, os gromos que empezan a xurdir das varas. Non vaia ser que o becho empece a facer xa das súas.

Todos estabamos axexantes a que o Lourenzo asomase dunha vez pola serra de San Mamede. E que durase algo, claro. Por esta vez non nos importa encalecer as mans, romper o lombo ou escachar os riles con tal de ver como a terra vai empezar a dar o seu froito. Agora tan só queda o de todos os anos, o de que o mesmo tempo siga respectando as pautas de todos os produtos que se sementan, é dicir, que todo siga como ten que seguir: sen xeadas, sen sarabia, sen seca, sen ningunha calamidade. A verdade é que a vida do agricultor é dura de raio, pois á parte do esforzo que ten que facer, está, logo, a expensas do que dite a climatoloxía. Non me quero lembrar do ano pasado, onde, primeiro, a xeada e, logo, a pedra, me mandou a colleita vitivinícola ó país da miseria. Crucemos os dedos.

Te puede interesar