Cartas al director

O silencio da música

Hai un par de anos celebrabamos no Conservatorio Profesional de Música de Ourense o seu 60 aniversario. Festexar eses 60 anos de historia supuxo mirar por un momento cara atrás, volver a ese ano 1957 e constatar o grande esforzo dun Patronato (Concello, Deputación, Caixa de Aforros... entre outros) que cos seus representantes á fronte apostaron pola creación dun centro de formación de música culta. 

Gozaba naquel momento a cidade dunha época de esplendor cultural nos seus distintos ámbitos. Considerada a Atenas Galega pola cantidade e calidade de autores, berce de artistas, escritores, poetas... fixo que os movementos culturais aflorasen avivando a vida cultural. É a época de Vicente Risco, Otero Pedraio, Florentino Cuevillas; o Grupo dos Artistiñas (Baltar, Quesada...), época tamén de Mestre Vide (cafés-cantantes, cupletistas, orquestinas), Bandas de Música, Orfeón, De Ruada... 

Época brillante na que "Música en Compostela" deu paso ós "Concursos Internacionales de Interpretación" e o "Ciclo de Grandes Intérpretes" que achegaron á cidade músicos de renombre internacional como Andrés Segovia, Federico Mompou, Óscar Esplá, María Joao Pires, Agustín León Arao, Pedro Corostola. 

Ourense presentábase internacionalmente como unha cidade culta, cunha sociedade transformada e conquistada Brazas á presenza e instalación da música e doutras artes no devir diario. 

O valor dun pobo e dos seus cidadáns, mídese esencialmente pola cultura das súas xentes. Esta cultura pode adquirirse tendo a vontade de recibir a formación axeitada e pode adquirirse pola sensibilidade que cada individuo ten para apreciala, valorala e "facela súa". 

No noso centro traballamos para formar musicalmente ós nosos xoves, para inculcarlles esa paixón pola música a eles e as súas familias por extensión. Esa formación amplíase de xeito especialmente enriquecedor coa asistencia a concertos e actividades. A este respecto, é unha mágoa que un festival como Pórtico do Paraíso quizáis non poda ofrecer ó noso alumnado, tal e como viña facendo, esa entrada gratuíta a concertos de intérpretes internacionais. Tamén é unha mágoa que o noso alumnado e persoal docente non poida desfrutar e enriquecerse con ese contacto directo que tantos e tantos mestres e intérpretes viñeron ofrecernos estes últimos doce anos ó noso centro donde pasamos tardes amenas de conversa e de intercambio de experiencias.

A Cultura, a Educación e a Sanidade forman parte (entre outros) deses piares imprescindibles da sociedade. Os gobernos deberían ter como obxectivo fundamental traballar por unha sociedade sá, tolerante, segura... e non exclusivamente pola prosperidade económica. Non se debería pór en perigo o desenvolvemento das capacidades das xeracións futuras, pois non debemos esquecer que a música estimula a aprendizaxe, mellora a concentración, a memoria, a capacidade de razonar e estimula a intelixencia emocional (entre outras). 

Dicía Ray Bradbury (escritor) sobre a destrución da cultura: "Non tes que queimar libros para destruir unha cultura. Só fai que a xente deixe de lelos".