Opinión

O sistema está esgotado

Gran parte da sociedade síntese moi decepcionada, anoxada, como nunca antes nesta xeración, respecto das políticas dos/as lideres da Unión Europea. Se cadra porque creron no discurso hexemónico, no que se destacaba que a Unión tiña como obxectivo mellorar as condicións de vida de todas as clases sociais e nacións que a integran, e primar nas relacións exteriores a solidariedade e a paz. Esta construción teórica revelouse como pura fantasía cando a povoación, especialmente dos países que sofren con máis dureza a pandemia do Covid-19, comproban que por riba da solidariedade están os intereses económicos dos estados, das súas clases dominantes. Xa aconteceu así na crise do ano 2008, e cunha actitude nas relacións exteriores que aumenta a pobreza, que causa as migracións forzadas, etc. Porén, agora resulta máis evidente e amarga, porque existe o agravante da emerxencia social, da disxuntiva entre a vida ou a morte.

Aínda que a UE que manexa un orzamento inmenso, que conta con milleiros de funcionarios moi ben retribuídos e que decide sobre as políticas macroeconómicas e as estratexias exteriores, deixou neste caso claro, como durante a última década, que cada estado debe resolver como pode esta emerxencia, ficando Bruxelas nun segundo plano. Dirase que é porque Alemaña e aliados non están dacordo cos coronabonos (que non deixa de ser débeda), mais en realidade a UE non naceu pra solucionar os problemas das clases populares. Xurdiu pra poder competir con potencias como os Estados Unidos e Rusia e dar folgos á centralización e concentración da a riqueza e o poder, tanto no ámbito mundial como interno. 

Este sistema depredador da natureza e do esforzo laboral,  era funcional ás grupos hexemónicos dos estados que integraron a UE, xa que o modelo reproduciuse no interno, por iso despois dun período de engado inicial aumentou a desigualdade social e entre territorios en beneficio dos respectivos centros políticos e económicos (Madrid, Londres, París...). Por iso. dende os sectores máis poderosos durante tanto tempo pecháronse os ollos ás medidas negativas de Bruxelas, non por ignorancia dos males que implicaba pra sectores moi amplos da povoación e certos territorios. Hoxe considerase negativo porque o reparto non lles é tan satisfactorio, e ademais comeza a existir a certeza de que non é unha situación transitoria, e co modelo está esgotado (a desfeita climática, a destrución de países por guerras impostas, interesa menos, son danos colaterais). Daquela que o interrogante sexa se a UE segue valendo como espazo de obtención de lucro ou cómpre buscar modelos alternativos sen cuestionar o sistema (unha unidade Ibérica ou máis ampla? Que rectificacións hai que facer pra optimizar o lucro?).

Esta pandemia deixa moitas leccións: unha delas é a importancia e os límites da solidariedade. Mais non é menos certo que, pra que esta non se substituía polo paternalismo, que reproduce o carécter subalterno, a solidariedade debe estar acompañada: da xustiza social, do respecto pola soberanía nacional, das relacións en pe de igualdade, da valorización da diversidade ecolóxica, cultural e lingüística. Outra das ensinanzas do Covid-19 é que ali onde existe un sector público determinante, tanto nos servizos como no sector empresarial, a resposta é eficiente e a saída da crise máis rápida. En Francia falase de nacionalizacións pra enfrontar os efectos. Xa que cómpre estar preparados pra novos casos, a pregunta é: cales son os sectores estratéxicos que deben estar en mans comúns e ter carácter local pra garantir a vida humana en casos de excepcionalidade? 

O coronavirus cuestiona este modelo de sociedade (grandes concentracións, mobilidade masiva, depredación ecolóxica, precariedade, especulación ...). Hai que mudar!... mellor facelo a tempo. 

Te puede interesar