Cartas al director

O tren

Gustaríame contarlles o acontecido os días 10 e 12 de xaneiro de 2020 nas viaxes que fixen en tren.

Vivo no Barco de Valdeorras, na provincia de Ourense, e moitos fins de semana desprázome a Santiago de Compostela. O venres día 10 o tren Arco, procedente de Euskadi con destino á Coruña, que debería sair do Barco ás 16,52 horas, chegou a esta estación ás 17,25 horas; os e as usuarias deste tren xa non nos sorprendemos cos retrasos do mesmo, pois o excepcional e que chegue á hora.

Cando estamos chegando a Ourense, e sen ningún tipo de explicación fainos baixar do tren  e subir a un Avant que ten a súa saída de Ourense a 20:00 horas, cando o tren Arco no que viaxaba ten a súa chegada a Santiago ás 19:59 horas. Alí quedamos, durante 45 minutos , sen ningún responsable de Renfe (ou Adif...), despois de que o revisor que viña no primeiro tren se fose. E cando chega a hora de saír do Avant anuncian por megafonía que a saída se produciría as 20,20 horas: mais retrasos aínda! A chegada a Santiago produciuse as 20,55horas.

O acontecido do domingo día 12 foi moito peor, non teño palabras para cualificalo.. O Tren Rexional Expres Vigo-Ponferrada saía de Ourense as 16,40 horas, e ás 18,10 horas , a 1.5 Km da Estación de San Clodio-Quiroga, sofre una avaría. Infórmanos de que é o compresor o que fallou e que teñen que vir a arranxalo. Ás 20,45 deciden acercar outro tren para que no leve até San Clodio e de aí continuemos a viaxe en autobús. Así que de noite e camiñando polas vías coa luz dos móbiles, dirixímonos a ese segundo tren.

Debo de dicir que durante todo o tempo que estivemos esperando tanto o maquinista como o revisor tiveron un comportamento impecable, e intentaron arranxar a avaría, pero nin chave inglesa había.

No tren viaxaban persoas maiores e una nena de curta idade. A única axuda que recibimos a de dous Gardas Civís e a do revisor e o maquinista, que nos axudaron a baixar do tren, así como coa equipaxe, pois a distancia entre a escaleira e a vía era moi grande. Mentres tanto a xente nova axudaba suxeitando as lanternas que traia a Garda Civil.

Fomos camiñando polas pedras, ao lado da montaña, pois doutro lado había un precipicio. Cando chegamos ao outro tren, dous traballadores de Renfe axudáronnos a subir nel.

Avarias, imprevistos... prodúcense, seino. O que me produce anoxo, ademais de sensación de impotencia, é que a maioría dos trens que pasan polo Barco de Valdeorras son vellos, moi vellos, trens que non reúnen as mínimas condicións que se esixen aos trens que circulan por outros lugares, e na primavera pechan as oficinas de compra-venda de billetes, nas Estacións de O Barco e Á Rúa.

Non temos comunicacións públicas decentes, as estradas están sen pintar, parcheadas, vivimos no mais absoluto abandono por parte das Institución Públicas. E somos habitantes de Galicia, contribuíntes como son os e as habitantes doutras zonas da comunidade. Non pedimos privilexios , só que se nos trate  con respecto e que o progreso do que tanto fala a Xunta de Galicia chegue a todos os lugares. Non somos galegos e galegas de segunda clase.