MONTERREI

Oímbra crea unha ruta polos lagares rupestres do concello

lagar_oimrbra_result
photo_camera Un dos lagares que foron documentados no Concello de Oímbra.

Un estacionamento ó pé do consistorio, que está en obras, será o punto de partida do percorrido

Na zona de Casas dos Montes, un dos pobos pertencentes ó Concello de Oímbra, están localizados os viñedos máis altos de todo o noroeste peninsular. Non é de estranar que, considerando que este municipio é un dos que ten unha moi importante cota productora dentro da denominación de orixe Monterrei, a súa laboura divulgativa estea moi relacionada coa cultura do viño, e desa iniciativa xurde a rota que ven de presentar a institución que preside Ana Villarino e que logrou documentar co apoio do consorcio Portas de Galicia un total de 15 lagares rupestres por toda a súa xeografía local. Constitúese así coma o primeiro municipio galego en número destas construccións catalogadas, que "certifica que a extraordinaria cualificación do seu clima e das súas terras para o cultivo da vide xa ven de moito tempo atrás", sinala a súa alcaldesa Ana Villarino.


Os lagares rupestres son estruturas labradas polo ser humano, pouco coñecidas e moi sinxelas, relacionadas coas formas máis enxebres de elaboración do viño. Aínda que de datación imprecisa ata o de agora, os estudos que manexa o Concello apuntan a unha orixe medieval, cando os pequenos viticultores facían o viño entre as viñas e non como acontece agora, que ten lugar nas adegas.


Prácticamente case todos os pobos do municipio contan con algún destes exemplares labrados na pedra do chan. Ben é certo que no val, entre a capitalidade municipio, e as aldeas de O Rosal, San Cibrao e Rabal se localizan un bo número deles, como son os exemplares do "Carregal", da "Ribeira de Fornos", o de "Xan Preto", o da "Tapadiña" -todos eles perto de Oímbra-, o da "Quinta" e o do "Pinal" -en O Rosal-, e o dos "Mouros" a poucos kilómetros do pobo de San Cibrao. 

TAMÉN NA MONTAÑA
Nas aldeas de A Granxa e As Casas dos Montes están situados os lagares rupestres das "Viñas", o do "Patulo" e o das "Taralleiras". O resto repártense xa na montaña entre as localidades de Bousés, Espiño e Videferre. Moi próximos a todas elas están documentadas as construccións da "Flecha", de "Arzán", o de "Ceche" (no mesmo pobo de Videferre) e o da "Cortiña do lagar" e da "Regata da vela".

Te puede interesar