Opinión

Onde se viu outra!

Dos días enteiros sen ler. Onde se viu outra! Sen ler ningunha páxina. Hai veces que tamén adoito ler moi pouco, pero algunha páxina sempre cae. Aí atrás, non obstante, foron dous días nos que nin tan sequera abrín o libro. E, coidadiño, algún anda sempre comigo. Pero... as circunstancias, o traballo, os bailes de aquí para alá. Pois ben, aínda peor; un deses días (o segundo) tiven que ler este xornal ás nove e pico da noite! Isto si que é como para que se deteña o mundo. Eu, que adoito lelo á primeira hora da mañá. Tan á primeira que, as veces, ata teño que esperar por el. É certo que os domingos, festivos e festas de gardar, ten que esperar La Región por min. Eses días de descanso (ou de nugalla) as súas crónicas, noticias e artigos non se renden ante os meus ollos ata as once e pico ou doce da mañá. Ó que imos; tirarse dous días sen ler nun libro, para un servidor, é algo así como morrer un pouco, como deixar de soñar. Porque, lendo, vaia que se soña!, vaia que se goza! Creo que ata con eses que non acaban gustando se goza. Polo menos sabes por que non che gusta, por que non gozas. E, iso si, descóbrelo por ti mesmo. Que quizais sexa o máis bonito dos libros: o descubrilos ti.

Te puede interesar