Opinión

A ONU e a UE perderon os seus papeis

Oébola e o coronavirus, fenómenos climáticos cada vez máis extremos, o “plan do século” de Trump que quere legalizar os territorios ocupados por Israel, as ameazas de Erdogan dunha intervención militar directa en Libia e Siria, o débil medre da economía mundial, entre outros, son feitos que alentan un descontente social cada vez máis amplo que pon en cuestión o capitalismo. Non podía ser doutro xeito tendo en conta os resultados: medre da desigualdade, da precariedade laboral e do aumento da pobreza, e unhas clases populares esmagadas e endebedadas, mentres que as grandes corporacións e fortunas acumulan riqueza e poder como nunca antes, unha dinámica que non só hipoteca o presente senón o futuro das maiorías. 

Daquela que, malia os grandes avances científico técnicos, medren as revoltas populares, a abstención e a fragmentación política, reflectindo a importancia das contradicións, así como da debilidade (aínda) das propostas alternativas e dos suxeitos políticos pra superar o capitalismo. Só o Extremo Oriente, mergullado nun rápido proceso de industrialización, cos seus custes sociais e ecolóxicos, semella que se salva desta tendencia dominante. Por canto tempo? Como lle afectará o problema do coronavirus a China que é a locomotora da rexión e internacional? Até que punto Estados Unidos e países subalternos aproveitarán este tema pra debilitar a Pequín e alargar artificialmente a duración do mundo unipolar? Até onde chegarán as intervencións militares, sancións e bloqueos, como novas formas  da loita pola hexemonía, aumentado as persoas afectadas, e agrandando o perigo da confrontación nuclear entre as grandes potencias?

En todo caso a situación actual do mundo amosa, ademais da crise do modelo, o carácter senil do capitalismo, como argumentaba o economista exipcio Samir Amin, xa falecido. É así tanto polos perigos dun imperialismo agresivo que se sinte ferido de morte, como polo feito de que os organismos internacionais que se crearon pra evitar unha nova guerra, non están a cumprir o papel pra o que naceron. Ese é o caso das Nacións Unidas (ONU), e si se quer tamén da Unión Europea. Dise que esta última tiña como finalidade impedir a repetición dunha nova guerra mundial, mais de pouco vale se a evita entre os estados que a integran e dálle azos noutros países. Acaso a OTAN non é hoxe unha alianza militar expansiva que pretende impoñer criterios e normas ao resto dos estados do mundo e que militariza a fronteira con Rusia? Sen dúbida debese en boa medida á dependencia de Washington no eido militar. Daquela que as tropas de Francia, Alemaña e o Reino Unido están realizando accións militares en Afganistán, Iraq, Siria e outros países, sen que estes a solicitasen. 

As Nacións Unidas non están cumprindo o papel pra o que naceron. Moitas das actividades e resolucións da ONU están condicionadas polas potencias hexemónicas, e aquelas que non teñen este nesgo, por exemplo respecto dos territorios ocupados por Israel ou do bloqueo norteamericano de Cuba son papel mollado. Tampouco se pode ignorar que os “cascos azuis” foron cuestionados nalgunhas misións, como en Haití, e que é unha brincadeira que un saudí presida a Comisión de Dereitos Humanos. Asemade, boa parte dos problemas máis grandes da humanidade xa se tratan bi-lateralmente ou en organismos paralelos, como o G-7, OCDE, FMI, OMC... 

Agora ben, mesmo con todas estas eivas segue sendo un foro de debate dos grandes problemas da humanidade (ecoloxía, dereitos laborais e sociais, migracións, desenvolvemento, etc), e un lugar onde as nacións subalternas, cunha soberanía limitada, poden facer ouvir as súas reclamacións. Que teña un papel máis activo e coherente dependerá de que se impoña un mundo multipolar e a UE cumpra coa súa vontade fundacional. 

Te puede interesar