Opinión

Optimista da vontade

Non recordo onde lin -acaso nun texto de Stanislaw Jerzy Lec, pero quen se pon agora a comprobalo?- que se debe fixar o nacemento do pesimismo no xusto momento no que chocan dous optimismos de signo oposto. A min antolláseme no só unha brillante dedución senón mesmo unha verdade coma un templo; cando menos considerada en situacións como a que hoxe anda a marcar o noso existir.

Logo do escrito eiquí o pasado mércores quedei cismando acerca da posibilidade suxerida no escrito en tal data, a saber: que Trump se enrocase na Casa Branca e dixese aquilo de que "de eiquí non saio de eiquí nin dios me bota". O seu país está dividido, completamente dividido, en gran parte grazas a el, pero tamén nalgunha proporción, debido a políticas anteriores ó tempo que a circunstancias actuais. 

A situación derivada dunha cousa e doutra sitúa á cidadanía norteamericana entre dous optimismos opostos e encontrados. Uns senten que só Trump vai facer grande de novo ós EEUU e outros pensan que tal afán debe recaer en Biden e se instalan á súa vez nun optimismo, reflexivo e escasamente sentimental, posiblemente baseado no "virxenciña, virxenciña, que me quede como estaba" que non creo que teña nada que ver coa condición católica do presidente electo.

Do algo máis que posible e fatal e frontal encontronazo, entre eses dous optimismos aplicados á contemplación e mellora dunha realidade insatisfactoria, xorde o pesimismo que, chegado o caso, me invade a min e que oxalá non invada a moita máis xente porque, aínda que Trump acceda ó legal, lexítimo e desexablemente sereno traspaso de poderes, a realidade actual vai seguir actuando na conciencia colectiva enfrontando a unha con outra e, como adoita suceder, "a verdade" pode que ande repartida.

No 1931, cando a saída de España do penúltimo Borbón que o fixo, cando menos de momento, un fato de intelectuais xeneralmente ben intencionados, levados dun optimismo considerado encomiable, proclamaron a Segunda República española seguidos por unha gran parte da cidadanía farta que estaba esta dunha situación que, certamente, non era moi desexable facéndoo de xeito que lle fixo contemplar, con optimismo extremo, o camiño que lle abrían as propostas deses intelectuais.

Ó par deses millóns de esperanzados cidadáns, había outros tantos cheos, máis que de reflexións, de sentimentos seculares que, unha vez debidamente axitados, no nome dunha patria que habería volver ser unha, grande e libre, se encheron doutro optimismo que tamén os enchía de esperanza. E aí foi ela. A min, por non poñer outro exemplo, o pesimismo aínda me dura porque esa realidade xa tamén está eiquí algo instalada e os extremos volven asomar o nariz, facéndoo de xeito que a algúns xa nos está cheirando a chamusquina.

Onte, un vello e querido compañeiro de bacharelato, fíxonos chegar ós seus condiscípulos un vídeo no que se pode contemplar como dentro dun frasco de transparente cristal conviven apacible e pacificamente unha colonia de formigas roxas e outra máis de formigas negras... ata que unha man axita o frasco. Nese momento as formigas roxas e as negras tropezan unhas con outras e de tanto encontronazo deducen e entenden que as enemigas, que as axitadoras, son as outras de xeito que comeza así a escabechina e se matan entre elas

Cal e a man que mence o berce? Cal a que axita o frasco? O optimismo que adoito se xera grazas a unha convivencia pacífica, acaso porque esta se vexa deteriorada dun ou doutro xeito, por unha ou por outra man, ó se instalar nas conciencias por vía da emoción, pero tamén pola vía da reflexión máis intelectualizada, pois esa e non outra é a condición do animal humano, produce ese pesimismo existencial que algúns, queirámolo ou non, profesamos e sufrimos de xeito que non adoita satisfacer nin a unhas formigas nin a outras.

O outro día alguén, outro compañeiro dese bacharelato que eu fun concluír a Pontevedra cando el chegou facer ó mesmo ó Inem de Ourense, reproduciu un pensamento de Felipe Fernández Armesto, junior -o fillo inglés do pai do mesmo nome, que asinaba os seus escritos baixo o de Augusto Assía- no que afirmaba que "a única lección da Historia é que non aprendemos as leccións da Historia"

É posible que teña razón, e moita, o fillo do meu recordado amigo Felipe. Non sei se sería bó pra mín porque así lle atoparía unha explicación a este pesimismo meu que tanto me leva a ser un optimista da vontade. Non estou seguro de que logo mantería esa vontade.

Te puede interesar