Con 126 exposicións, o certame busca nesta edición impulsar a sección oficial, integrada por 37 mostras que se poderán ver en 99 espazos expositivos espallados en 41 localidades de tres países

O Outono Fotográfico chega este ano ás sete cidades galegas

O Outono Fotográfico aposta nesta edición -a trixesimoprimeira- por consolidar a sección oficial que arrincara na anterior en busca xa da excelencia. Así, das 126 exposicións que inclúe no seu programa, 37 corresponden a esta sección oficial, que estarán espalladas polas catro provincias galegas, Portugal e Barcelona. O certame estrea presenza, ademais, nas sete grandes cidades galegas e chegará a un total de 41 localidades de España, Portugal e Brasil.
No festival participan máis de medio milleiro de artistas (506) en mostras que se repartirán en 99 espazos expositivos. Así o explicaron onte o director do festival, Xosé Lois Vázquez, o coordinador da sección oficial, Vítor Nieves, e os representantes da Xunta, o Concello da cidade e a Universidade, que colaboran na organización deste evento. O festival, que conta cun financiamento público do 67%, principalmente da Xunta e o Concello -22.500 euros-, tamén se está a ver afectado pola situación económica. Así, Nieves queixouse 'dos recortes nos orzamentos do festival, que cada vez son menos, aínda que cada vez hai máis exposicións'.

Con todo, o Outono Fotográfico segue innovando e este ano lanzou o primeiro Premio de Fotografía Contemporánea, que nesta edición gañou Daniel Díaz Trigo e que se exporá no Museo Municipal de Lugo en novembro, xa que o premio, dotado con 16.000 euros, está financiado pola Deputación lucense e a Xunta.


'DIMENSIÓN DE PAÍS'

Na presentación, o director do festival, Xosé Lois Vázquez, lembrou ó impulsor do certame, Benito Losada, e salientou que o Outono Fotográfico non pretende ser 'unha colección de exposicións senón que ten o interese como fenómeno global e como un paseo polas distintas sensibilidades'. Pola súa banda, Nieves explicou que este ano houbo un esforzo na busca das ligazóns con outros certames, como o Instantes de Avintes (Portugal) ou o Fòrum Fotogràfic de Barcelona. Mentras, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, salientou que o Outono 'naceu como un evento local e acadou xa unha dimensión de país'.

Te puede interesar