A LIMIA

Oymara Rodríguez: “Hai teorías que din que as pantallas eran empregadas en ritos"

20190521175646712_result
photo_camera Omayra Rodríguez fronte á súa exposición, na Arca da Noe.

"Ela, ser máxico" é o nome da primeira exposición de Omayra Rodríguez -natural de Xinzo de Limia- na Arca da Noe, en Vilar de Santos

Trátase dunha homenaxe á Pantalla do Entroido limiao, unha festividade que non se entendería, segundo Omayra, sen o seu personaxe máis mítico. Todas aquelas persoas que sintan morriña polo Entroido poderán visitar esta mostra en Vilar de Santos ata o vindeiro 17 de xuño. 

Que nos podemos atopar nesta exposición?

É unha mostra de cadros que trata sobre a Pantalla de Xinzo. Nela expóñoa como unha figura mística e como a parte central do Entroido de Xinzo. 

Que técnica empregou?

As obras, que son un total de 18, foron elaboradas con gravado e acuarela. 

De que xeito quixo amosar a Pantalla?

Dividín a exposición en dous bloques diferenciados. No primeiro tratei as múltiples orixes que se lle atribúen á figura da Pantalla. Neste caso, esta parte da mostra está marcada polo negro e polo vermello que son as cores que, habitualmente, se nos veñen á cabeza cando pensamos na Pantalla. A segunda parte é máis colorida e variada, tanto no que ten que ver coas formas, como no que atinxe á técnica. Aquí tratei de evocar á troula e a festividade do Entroido que, sen dúbida, non sería o mesmo sen os bailes, as carreiras e os sons das Pantallas. 

Canto tempo empregou en elaborar esta primeira mostra que vén de inaugurar?

Invertín algo máis de un mes. O deseño xeral estaba feito dende a época do Entroido, en febreiro. En clases de pintura, máis concretamente de ilustración e de cómic, un dos mestres animoume a que fixera un cartel ficticio da festividade, e de aí partiu un pouco a idea de facer esta primeira exposición. 

Como xurdiu a posibilidade de expoñela na Arca da Noe, en Vilar de Santos?

Eu coñecía o ambiente cultural da Arca. Sabía que alí se facían exposicións de cadros, fotografías... Tamén teñen concertos todas as semanas. A proposta en cuanto a cultura é moi rica. Ofrecinlle a Noemí expoñer as miñas láminas alí, e ela deume a oportunidade de facelo. 

Gustaríalle seguir formándose neste eido cultural para continuar realizando máis obras?

Facelo de maneira exclusiva, actualmente, véxoo moi difícil. Pero non me quero desvincular deste ámbito.

Falaba antes das orixes da Pantalla, ¿onde están ubicadas?

Hai moitas teorías. Eu non quixen afondar moito en ningunha delas, pero algunhas din que eran mulleres guerreiras de Antioquía, outros que eran recadadores de impostos na época medieval. Tamén existe a lenda que di que eran figuras empregadas en ritos de fertilidade dos animais e da terra. Esa parte máis mística, que non se coñece moi ben, pois quixen plasmala nas primeiras obras. 

De onde lle vén a vostede o gusto pola pintura?

Comecei hai dous anos, como un "hobbie". Aínda que dende o Instituto xa me gustaba.

Por que este título para a exposición?

Porque a Pantalla ten ese pasado e orixe oculta e, por outro lado, porque a maxia do Entroido de Xinzo non se entende sen a Pantalla.

Te puede interesar