Opinión

Parar na estación

O tema da estación de Ferrocarril é tema complexo como calquera obra que non se fai neses momentos de expansión onde os cartos flúen e as vontades encaixan. E si, falábase da estación de Foster a todo tren -nunca mellor dito- con espazos que zurcirían tecido san sobre as arterias esclerotizadas da historia. Ben. Se isto é mellor ou peor que a reforma adaptativa chamada despectivamente “Pendello”, pois non o sei. É moi complexo para min. Pero como o óptimo é inimigo do bo, quédome -en xeral, sen concretar o caso-  coas reformas que nos leven ao segundo. Non creo no paraíso na terra dos predicadores do absoluto. Non creo que no AVE veña Mr. Marshall, pero tampouco que vaia ser indiferente. Quero unha estación para subir e baixar e non un centro comercial que dane, aínda máis o comercio da cidade. Ademais son contrario a algo que todos aplauden, que é a vía de alta velocidade de Taboadela a Ourense.  Non quero que furen Montealegre, avanten Oria, etc. e acabe todo nunha curva máis pechada que a de Angrois, e gastando unhas cifras desorbitantes. Nin hoxe nin nunca. Pero tampouco me cobiza que fagan arranxos da vella vía máis alá do estritamente preciso. Cando veño de Santiago, noto que empeza a frear en Amoeiro. E gustaríame que frease xa desde Taboadela e logo viñese con calma, e que non se fixen pantallas nin pantallos  polo medio da cidade. Creo que son a única persoa que defende publicamente isto, polo que, incluso pode ser, chegado o caso, que o equivocado sexa eu. Se cadra, pero non mo parece.  En fin, que non ía por aí. Ía porque non sei de quen depende a circulación hoxe na explanada da estación. Non sei se será cousa de Adif, de Adof, de Renfe, do Concello, da Deputación, da Xunta, do Goberno de España, da Unión Europea, da OTAN, da ONU ou da Asociación de Veciños da Ponte, ou do párroco das Caldas, o bispo e o Papa Francisco. Non o sei. O que si sei é que é ben difícil facelo peor.

Está ben, -non vai estar!- aparcar gratis 15 minutos entrando ao parquin. Pero si un, simplemente, vai levar unha filla -por exemplo- ao tren, e non quere aparcar, quere parar -inda lembro a diferenza de cando saquei o carné- non ten onde baixar un momento. Repasando a distribución e desde o edificio da Estación, segundo se entra indo desde “Ourense” temos: tres carrís bloqueados por si hai unha emerxencia mundial, outras dúas filas bloqueadas polo imperio do taxi, a dársena de baixada, a 25 metros de chuvia, sol e carrexo de maletóns, ata o edifico principal, e logo un mísero carril de baixada. Non existe a mínima posibilidade de que mentres un está axudando coa equipaxe poder pasar outro coche a rente e seguir. E por último, hai dous carrís no sentido contrario, un deles de aparcamento, tolerado, para dez ou doce coches. 

Un que ten andado por moitas estacións de FFCC endexamais viu na súa vida unha cousa así. Se vostede vai, por exemplo, á estación de Santiago, Pontevedra, Vigo, etc, pode baixar un momento porque as zonas de subida e baixada de pasaxeiros si o permiten.

Xa digo, teño dificultades en saber do megagasto, pero isto, meus señores, a cousa pequeneira véxoa fácil de arranxar. Un xa non quere gobernar o mundo, só parar parar un par de minutos onda a estación. Graciñas.

Te puede interesar