Opinión

Parvadas

E dis ti e digo eu. Que o que eu digo non o dis ti, e o que ti dis non o digo eu. Dixen. Xa sei que somos moi amigos de dicir cousas, ou sexa, parvadas. Ás veces hai parvadas bonitas. Ou simpáticas. Ou tortas. Ou cariñosas. Ou sentimentais. Moi de cando en vez soltas unha parvada e algún paspán axiña che revira a cara cunha labazada. Podía dicir un golpe; non obstante, a labazada rimaba. A rima sempre é bonita. É moito máis bonita que unha parvada. Claro que tamén hai rimas que son parvadas. Ufff, dicídemo a min! Hai parvadas que quedan para os anais da historia. Máis ou menos ti sóltalas coma quen non quere a cousa e fanse virais. Esta é outra que tal, outra parvada. O de viral, se entende. Outra parvada é pensar que as troitas van de pé polo río. Polo Arnoia, por exemplo. Queda bonito dicir esa parvada. Tan só que sexa por nomear o Arnoia. Porque non é ningunha parvada dicir que o Arnoia é o río máis bonito de Baños de Molgas. Xunto co regato das Lamas. Todo hai que dicilo! Neste caso dígoo eu; non é preciso que o digas ti. E queda dito! Parvada é pensar que ti penses o que quero pensar. Agora mesmo, a parvada máis grande é titular isto como “parvadas”. Pero aí queda: unha parvada escrita por un parvo.

Te puede interesar