Opinión

Paz normativa para o galego

Este relato podería semellarse a un conto de Christian Andersen. Si. Un deses orixinais, que non teñen azúcar e sempre acaban en traxedia. Pero como estamos a falar da nosa lingua, non debera haber contos nen monsergas que acentúen aínda máis a crise na que nos atopamos. Para calquera que queira achegarse ao galego, ao coñecemento da súa traxectoria como língua culta, deberá considerar cal é o reto de normativizalo e normalizalo. Hoxe falaremos das normativas existentes e do atraso que supuxo o afastamento de ambas. Porque se vestimos á  lingua galega, cun pantalón, seguirá sendo a mesma que se a vestimos cunha saia. Este exemplo empregouno un amigo profesor, cando lle dixeron que escribía o galego coa grafía do portugués. Todos entenderon a mensaxe de que a lingua falada e a escrita eran cousas diferentes. Mais se empregamos o método fonético para escreber o galego, o caos producido, pode axudar a desaparición da língua en poucos anos, en varias xerazóns, dado que en cada aldeia falan distinto. Por outra parte, se atendemos a criterios etimolóxicos para escrebelo, os defensores da normativa oficial, vendo que a grafía é semellante ao portugués, poderían sentirse humillados ao pensar que o galego non é independente.

A actual normativa oficial foi un avance importante para o galego, admitindo moitas variantes dialectais semellantes ao  portugués. Este feito rachou coa deriva dos anos 1983-1990-1995. Por outra parte xenerou un debate (sen concluir) entre os grupos reintegracionistas máis radicais e os máis abertos. Os primeiros queren só grafía portuguesa, e os segundos lanzan a ideia dun modelo binormativista como acontece en Noruega e Luxemburgo. Esta “binormativa” sería unha convivencia das dúas normas con elección voluntaria de cada persoa. Por unha parte podería verse un conflito entre elas, pero o obxectivo é que cada un elixa a norma que mas  se adapte ás súas necesidades e así perdure o galego. Castelao decía: “A nosa língua floresce en Portugal” 

No ensino tamén esmorece o galego. Cando os alumnos acoden ás clases de música, algúns teñen dificultade en falar galego. Até chegan a repetir as letras das cantigas, traducindo directamente ao castellano. A ausencia do galego no ensino é máis importante do que podemos pensar e o retroceso deste, cara un modelo plurilígüe imposto, supón esquecer o galego e seguir sen falar o inglés. Hoxe no noso país as aulas están tan ausentes do galego que pouco importa a grafía coa que se escreba. O avance normativo topouse cunha barreira imprevista: a normalización lingüística. Nos anos nos que tiñamos que ler a Rosalía de Castro, na edición Austral, para ver tal como escrebeu o galego, moitos falaban galego. Naquela altura, o debate era outro, e a persecución dos reintegracionistas tamén. Se logramos mudar as políticas lingüísticas e favorecer unha convivencia entre a normativa actual e a reintegracionista, que emprega o “j” o “lh” e o “nh”, por simplificar moito, o aprecio polo galego mudará. Aos galegos moito nos teñen roubado, mais se seguimos sendo galegos é pola lingua. Así cantaba Pondal: Nobre e harmoniosa fala de Breogan.

Te puede interesar