Opinión

Perfecto contraste

Cando Ingmar Bergman realiza “Soños” (1955) aínda non dirixira os filmes que o converterían nun dos directores suecos máis importantes do panorama internacional. Tampouco estaban presentes no seu cine os grandes temas bergmanianos tales coma a morte, o sentido da vida, a existencia de Deus, a culpa e o pecado. Non obstante, en algúns destes primeiros filmes de xuventude si se evidencia certo interese pola psicoloxía dos seus personaxes. Aínda que aborda con frecuencia dramas sentimentais, Bergman intenta que non queden nun simple mostrario de conflitos que os personaxes teñan que superar senón que estes se nos aparezan de carne e óso, con fondura e profundidade.

Así acaece con “Soños”, dous contos breves e amargos xunguidos por un vínculo común: as dúas protagonistas manteñen unha relación profesional. Susanne é deseñadora de moda e a moza Doris, a súa modelo máis estimada. Ambas as dúas realizan unha pequena viaxe de traballo de Estocolmo a Gotemburgo. Ó chegar a esta cidade, as dúas experimentan un par de amargas experiencias de cariz dramático e sentimental, sendo a máis interesante e curiosa, ó meu parecer, a que ten Doris como figura estelar.

Ó longo do filme, observamos un tratamento fotográfico no que se xoga coa alternancia entre a sombra e a luz. En moitas secuencias interiores, os personaxes móvense en escenarios moi luminosos, con outros máis escuros, amosando o perfecto contraste que experimentan as dúas mulleres nas súas peripecias sentimentais. Ambas debátense entre a esperanza e a desesperanza, alternando situacións alegres ou de intenso apaixonamento con momentos nos que están presentes a humillación, o desamor, a covardía, a ruptura ou a fin definitiva.

E aínda que ó principio dixen que en “Soños” nos se aprecian aínda os grandes temas das súas obras capitais, o certo é que nesta película o director sueco reflicte unha crise persoal e que ten que ver co remate da súa relación sentimental coa actriz Harriet Anderson, a Doris do filme. Esta película nace inspirada polas sensacións dolorosas que lle produzo a citada ruptura pero que, curiosamente, aparece mellor reflectida na historia de Susanne.

Te puede interesar