Política

O pleno de Ribadavia debatirá o peche do colexio infantil da Alameda

Os grupos municipais Ribeiro en Común e BNG manifestan o seu rexeitamento a esta medida de Educación

O anuncio do peche do colexio de Infantil ubicado na Alameda de Ribadavia suscita o rexeitamento por parte dos grupos municipais Ribeiro en Común e BNG. Brais Fidalgo, portavoz de Ribeiro en Común, afirma que "tras un curso con moitas dificultades para as mestras poder exercer correctamente o seu traballo, e o establecemento dunhas ratios altas pola Xunta como medida para recortar profesorado a través da lei, anuncióusenos que o vindeiro curso vai pechar o Colexio da Alameda", polo que se compromete "sempre que as leis educativas da Xunta o permitan, a traballar para que o centro da Alameda volva a estar ocupado por nenos. Para iso é obvio que o primeiro e obrigado é reformar as instalacións". 

Así mesmo, lembra este grupo da oposición que "no espazo da Alameda aínda permanece a gardería Galiña Azul, e por conseguinte deberá este recinto ser unha prioridade para nenos, antes que prometerllo a asociacións", engadindo que "para o noso grupo, este centro, ademais de outros usos culturais, debera ser unha prioridade o seu uso educativo".

Ademais, o BNG traslada ao pleno ordinario deste mes de febreiro unha moción para que o concello esixa á Consellería de Educación que "asuma as súas responsabilidades e acometa as reformas que a comunidade educativa leva reclamando no colexio da Alameda dependente do CPI de Ribadavia". Lenbra a portavoz, Maite Rodríguez, que "xa o advertimos no verán, cando se anunciou a supresión dunha aula de Infantil, que podía ser o principio da fin deste colexio, o que Ribadavia non pode admitir". O BNG considera que a Consellería de Educación vaise librar de investir na reforma, mantemento e profesorado "a costa dunha perda de calidade educativa e ratios de alumnado por aula nos máximos legais".

Te puede interesar