Opinión

Políticos con egos atravesados

Pasado mañá saberemos se dunha bendita e xa resolutiva vez se somos ou non unha cidadanía tan madura como nos autoproclamamos hai xa corenta anos. Confeso que estoulles un pouco preocupado. Logo de corenta anos de franquismo foi como se sairamos dunha corentena e nos sentiramos liberados, unha vez ceibas as portas do lazareto no que toda ditadura se converte. Agora non está escrito, pero pra algúns é xa un presaxio que (logo destoutra corentena da irredenta partitocracia que a Constitución tivo a ben legarnos) a xente lle abra as portas democráticas a opcións que sempre saben aproveitar as eivas legais que as democracias ofrecen pra que opcións non moi partidarias delas acaden cotas de poder coas que, hai uns meses, a penas soñarían uns poucos. Se así sucedese a responsabilidade sería compartida, non só polos partidos políticos senón tamén por unha cidadanía vítima de emocións encontradas máis que formadas na mínima reflexión necesaria.

O máis triste do asunto é que todo este medo acumulado, que tan paladinamente confeso, puidémonolo evitar se os líderes políticos actuais dispuxeran de egos menos atravesados que os que veñen exhibindo dende que as súas veras efixies asomaron pola ventá da historia. Resulta totalmente disparatado que unha parte importante da dereita (a silente e maila da ciclo xénese explosiva constante) botasen tan en falta un funeral de estado no traslado do cadáver do ditador ó mesmo tempo que a esquerda recalcitrante acusaba ó executivo de terllo proporcionado ó traslado dese cadáver ó parecer momificado. Repenicar e andar na procesión adoita ser tan complicado coma chifrar e capar ó mesmo tempo.

Máis tristeza xenera aínda a convicción de que no caso de que a cidadanía de esquerdas, no seu conxunto, non tome a iniciativa decidindo facer ela o que no seu momento non fixeron os seus líderes votando de xeito que se consolide unha maioría que permita un goberno progresista o que se derivara desa emoción primaria, expresada nun fraccionamento do voto, será a presenza de forzas tendentes ó totalitarismo no medio e medio dun goberno de dúas dereitas que o que se día moito, moito, non colaboraron na gobernabilidade do país co sentido de estado co que no seu momento colaborou Rubalcaba e nalgún outro o fixera o propio Felipe González.

Imponse a necesidade dunha porcentaxe de votos máis elevada do que nunca se produciu no noso país, pois é de temer que os líderes políticos actuais non sexan quen de acadar o consenso necesario e sexamos os cidadáns os que lles marquemos o camiño a seguir cos nosos votos. Mesmo que se puxesen de acordo os dous grandes partidos coa suxestión feita por Mariano Rajoy e Felipe González no recente Foro d'A Toxa consistente nunha gran coalición entre os dous grandes partidos conlevaría o perigo evidente de deixar a oposición, con todo o poder que tal posición outorga a quen a exerza, nas mans de dúas forzas extremas, as da dereita e máis as da esquerda, que só estarían contidas nas súas manifestacións máis radicais dende un goberno de esquerdas e unha oposición de dereitas por unha vez leal e cun amplo sentido de estado que non sempre soubo ofrecer á cidadanía. E á volta de catro anos volta a empezar e que a quenda alternativa volva funcionar pois, se non é o millor do que nos pode pasar, si é o menos malo dos sistemas que a cidadanía debe aturar.

Pasado mañá eleccións e se, á vista delas cabe pedirlles contención e reflexión ós votantes e sentido de estado ós líderes é os seus partidos respectivos, tamén semella oportuno que, sequera por unha vez, as cadeas de televisión deixen de lado as cotas de pantalla e a captación de audiencias e, sen abandono das ideoloxías ás que lexitima e legalmente se acollen, colaboren a que a cidadanía sexamos quen de non nos deixar levar polas emocións máis elementais abandonando toda capacidade de reflexión sobre o futuro común.

Isto non é só un desideratum, senón que se trata de algo non so desexable senón mesmo necesario. Imaxínase o lector á máis alta maxistratura do país prestando unha homenaxe equivalente á que lle prestou Angela Merkel, hai uns poucos días, ós que participaron no seu momento nun atentado fallido contra Hitler e foron executados. Entre nós non é aínda posible, nin sequera un homenaxe ó falanxista do grupo de Manuel Hedilla que lle chamou traidor a Franco nun funeral por Primo de Rivera celebrado na basílica de Cuelgamuros. Ou é que alguén é quen de imaxinalo? Xa non digo ó autor dun atentado frustrado contra o propio ditador. E moito menos outro a Baena, fusilado, dous meses antes do pasamento de Franco, logo de lle rexeitar ó seu avogado as cento corenta e tres probas da súa inocencia, seica entre elas a que o situaba en Portugal o día no que se cometeu o asasinato do que foi acusado. 

Este país noso é así e só a vontade común, só o conxunto da cidadanía ha ser quen de cambialo; non esperemos nunca iso dos políticos cando menos mentres os secretarios xerais dos partidos dispoñan do poder omnímodo de decidir os nomes dos candidatos que han figurar nas listas pechadas e han ser quen decidan a presidencia do goberno. É preciso que, dunha bendita vez, sexa a cidadanía a que fale e a que decida; e de que se incorporen á tarefa común as novas xeracións dun xeito decidido sendo posuidores dunha conciencia cidadá consecuencia dunha boa formación impartida nas aulas; dun coñecemento que lles permita ser conscientes dos seus deberes e dos seus dereitos ó tempo que lles facilite o coñecemento profundo dos feitos reais acontecidos todo ó longo da nosa historia dende os RR.CC. ata hoxendía. O domingo teremos una boa ocasión de comezar a facelo posible. Debemos ir votar alleos de emocións e conscientes da nosa responsabilidade.

Te puede interesar