Pontevedra realizou 39.150 probas de detección de cancro de mama en 2010

Un total de 39.150 mulleres de entre 50 e 69 anos realizaron en 2010 as probas de detección de cancro de mama na provincia de Pontevedra, grazas ao Programa de Detección Precoz do Cancro de Mama que puxo en marcha a Dirección Xeral de Saúde Pública e Planificación.

Segundo informa a Xunta a través dun comunicado, o programa tivo unha participación de 81,28 por cento da poboación obxectivo na provincia e, dese total, 196 mulleres foron remitidas posteriormente a unha unidade de diagnóstico e tratamento para completar as probas.

Soamente en 99 casos se confirmou a presenza da patoloxía e segundo o comunicado, as pacientes xa se encontran en tratamento.

A Consellaría de Sanidade iniciou desde o ano pasado un proceso de modernización da estrutura asistencial, co obxectivo de incrementar a participación das mulleres neste programa de prevención.

Desta maneira estanse creando unidades fixas nos hospitais comarcais, que permitirán avanzar no proceso de integración do programa no sistema asistencial e mellorar a calidade da atención cara ás mulleres que ata o momento eran atendidas en unidades móbiles.

A posta en marcha deste programa de detección precoz está enfocado a reducir un 25 por cento a mortalidade das mulleres a causa do cancro de mama; lograr que polo menos un 70 por cento das que se citan para os recoñecementos acudan a practicarse os exames; e asegurar unha estrutura axeitada para o seguimento das mulleres que resulten positivas na proba.

A través do comunicado, a Consellaría de Sanidade insistiu na importancia dun diagnóstico precoz, xa que este aumenta ata un 90 por cento as posibilidades de curación e eleva ata o 95 por cento esas posibilidades cando o diagnóstico se realiza antes de que se faga invasivo.

Te puede interesar