Opinión

O Pórtico do Paraíso 2018

Como se fose xa unha tradición que se mantén no tempo, volveu o Festival Internacional de Música Pórtico do Paraíso na súa duodécima edición. E como xa é habitual trouxo a Ourense músicas e intérpretes que xeralmente non se escoitan na nosa Auria. Músicas de distintas épocas e estilos que se puideron saborear en riguroso directo e, empregando unha frase coloquial, sen aditivos nin compoñendas. Músicas, poderiamos dicir, non habituais, pois non están dentro dos circuítos da chamada música lixeira que é a que habitualmente programan os medios a diario.

Sete foron os concertos, seguidos por moita xente que quere escoitar música de calidade. Referireime a tres, pois confeso que non puiden asistir a todos por diferentes motivos, aínda que ó primeiro, o da Catedral, foi por non ter, como moitos ourensáns, a entrada correspondente, dado que ó pouco tempo de polas ó público, xa estaban esgotadas. A organización debera tomar medidas sobre esta cuestión que abre varias interrogantes negativas que convén queden aclaradas. Do contrario, a sensación que se percibe ó non haber entradas para a xente que soporta unha cola, é que so se poñen unhas poucas para cumprir un requisito. 

Ós concertos que asistin cumpriron coas expectativas que deles esperaba. 

Vida Guitar Cuartet: Foi un concerto realmente fermoso no que poderíase dicir que o programa elexido, aínda que non era o propio do mundo da guitarra, resultou sumamente gratificante, tanto polos arranxos e adaptacións como pola interpretación, estilo e carácter que lle deron ás obras os executantes. Se tivera que destacar algunha, por poñer un exemplo, fariao coa obra “El amor brujo” de Manuel de Falla, e a “Bahiana brasileira número 5” de Heitor Villalobos. A única chata que lle poría está relacionada co volume, pois nalgúns momentos foi algo escaso para un espazo grande e ateigado de xente como era o salón nobre do Liceo. Unha axuda moi discreta de son podería corrixir esa carencia.

Marco Beasley: Foi realmente o concerto deste cantante un alarde de interpretación e de dominio da escena. Músicas dos séculos XVI e XVII acompañadas polo laúde renacentista. A tiorba e a guitarra barroca encheron a igrexa de Santo Domingo de fermosura, creando un ambiente onde un silencio case seprulcal permitía escoitar todos os matices que o cantor facía coa súa cultivada e flexible voz. Pezas de Claudio Monteverdi, Caccini e outros autores así como tarantelas anónimas crearon un ambente musical do que en poucas ocasións temos o pracer de desfrutar en Ourense. 

Ingenium Enemble: Nun día certamente desapacible e soportando dentro da Colexiata de Xunqueira de Ambía un frío invernal, este grupo esloveno, composto de seis membros, dúas mulleres e catro homes, deu un recital con obras vocais que foron dende o século XVI, Claudio Monteverdi ate compositores actuais da zona dos Balcáns. Maiormente foron pezas relixiosas, aínda que cara o final interpretaron pezas coñecidas de grupos como os Beatles que lle deron un aire distendido e dinámico o concerto. Foi unha sesión musical moi amena na que a calidade do grupo e as súas harmonías compensaron a temperatura xeada que os oíntes soportaron estoicamente dentro do templo. 

En fin, con todas as eivas que poidera haber, o festival Pórtico do Paraíso estase a converter nun referente musical en Ourense. Debe seguir cumprindo anos para dar satisfación a un sector moi importante da poboación que aspira a desfrutar de músicas e interpretes que non escoitamos nos medios nin habitualmente podemos ver na provincia de Ourense. Parabéns. 

Te puede interesar