Opinión

Pra alén da guerra das enquisas

Ollando as distintas enquisas todo fai pensar que todas elas están influenciadas politicamente en maior ou menor grao, algo que non se pode considerar unha novidade, mais neste contexto está cuestión ten unha maior relevancia. A confrontación entre partidos é moi forte, aínda que as diferenzas nos contidos non sexan tan grandes, máxime se as comparamos coas que había hai unhas décadas. Razón pola que as distancias marcarse nas formas, e sobre todo nas expectativas que cada partido seica terá electoralmente. Daquela que se lle outorgue un gran valor a ser voto útil, e sobre todo partir como forza gañadora. 

Neste aspecto, os medios de comunicación son esenciais pra incidir sobre a conciencia colectiva a respecto das expectativas dunha forza política, especialmente cando se avalan cunha enquisa. Sen dúbida a súa efectividade é maior en relación co voto indeciso, coa abstención, e co voto en disputa entre partidos próximos, ben sexa respecto dos obxectivos ou en certos temas básicos. Esta incidencia é moito menor en sociedades moi organizadas e/ou mobilizadas, así como nos partidos cun gran activismo e unha base social moi ampla. Daquela que, algúns hai tempo alertamos en relación co institucionalismo na esquerda rupturista (tamén a nacionalista) como uns dos maiores atrancos prá construción dunha forte alternativa popular, democrática e soberana, tamén no eido electoral.  

Esta utilización das supostas expectativas de cada forza vese favorecida polas seguintes razóns: o voto está moi fraccionado, e por vez primeira dende a transición isto tamén sucede na dereita; unha parte considerábel do electorado non ten decidido o voto ou pensa absterse, como consecuencia do constante deterioro das condicións laborais e e a pouca viabilidade do emprego autónomo; os partidos, tamén a esquerda, perderon base activa e sustentan unha parte considerábel da súa incidencia e atracción do voto na presenza nos medios de comunicación e na campaña electoral; e por último, a confrontación entre clases sociais e entre países está moi agudizada por mor da concentración e centralización da riqueza e do poder, daquela que o enfrontamento político tamén sexa virulento nas formas entre a dereita e esquerda sistémica. 

Neste contexto, aínda que a Casado e Rivera non lles goste, o certo é que Pedro Sánchez pode medrar en votos nas eleccións xerais. Non só porque ofrece un discurso máis moderado, e na práctica igual de españolista, senón ademais aproveita o temor a Vox, por mor da alianza do PP e Ciudadanos con este partido de extrema dereita, e do aval ou de non rexeitar ás súas propostas regresivas. Por se non abondase, todo indica que o PSOE vai aproveitar por vía decreto aprobar unha ringleira de medidas que, sen tocar as regras de xogo do sistema, benefician a diversos colectivos tanto no ámbito laboral como social. Diante desta estratexia, que lle pode sumar moitos votos dos indecisos, da abstención e do centro político, neste último caso en prexuízo da dereita. Tamén coloca nunha situación difícil a Podemos e as confluencias, que deixaron no baúl do pasado as propostas rupturistas, e fican orfos dun discurso diferente. 

Estes decretos de última hora semella que non van ser freados pola Unión Europa, se cadra porque teña máis medo a un xiro á estrema dereita, e o que iso implica nun contexto en Europa e no mundo tan complexo e convulsionado. Despois de todo, saben, que ao final, como sucedeu coa aplicación do 155 e amosou na súa historia dende a transición, o PSOE non se sairá do rego. E polo tanto seguirá, aínda que sexa estirando o tempo, as directrices que emanan de Bruxelas, tan beneficiosas prás corporacións, grandes fortunas, e pra Alemaña como potencia económica. Se cadra o CIS non estea tan desencamiñado.

Te puede interesar