celanova

A Praza Maior foi unha feira de rianxo e libros

Varias persoas no interior da carpa da feira do Libro celanovense
photo_camera Varias persoas no interior da carpa da feira do Libro celanovense.

A xornada concluíu coa pintada dun mural sobre o chan da Praza Maior baseado nunha obra do pintor celanovés Baldomero Moreiras axudado polos máis pequenos para reivindicar a integridade dos océanos

Hai agora xusto sete anos, Celanova rendíalle homenaxe a un dos seus grandes poetas cunha actividade que permaneceu na vida diaria dos veciños varias primaveras e veráns. Tratouse dunha pintada sobre o chan que emulaba o debuxo que Picasso lle adicara en vida a Celso Emilio Ferreiro. Eses trazos, que o propio paso do tempo foi borrando, renaceron este xoves convertidos noutra homenaxe, neste caso a que o pintor celanovés Baldomero Moreiras lle adicou á bióloga Raquel Carson na exposición "O eco das amazonas". 

Axudado polos máis cativos da vila, Moreiras recreou unha das esferas que compoñían a mostra e que supón unha defensa da integridade dos océanos. Deste xeito concluía a Feira do Libro que a vila celebrou este xoves coa idea de incorporala ó almanaque cultural da vila, un dos epicentros da literatura en Galicia, tal e como manifestaron os responsables de tódalas institucións implicadas na súa celebración. 

E como a cousa ía de libros e de Celanova, foi o escritor Xosé Benito Reza o encargado de dar o pregón que inaugurou oficialmente a xornada de onte. Nun discurso no que realizou un percorrido pola súa vida e a súa viaxe polo descubrimento da literatura galega dende a Biblioteca Nacional de Madrid, o autor avogou pola continuidade deste tipo de celebracións magoándose de que Galicia sexa a segunda comunidade autónoma con menor índice de lectura. Con todo, non centrou a súa intervención neste dato, senón que incidiu na necesidade de que Celanova conte con este tipo de iniciativas "porque non merece este baleiro e por respecto ó noso pasado".


Autoridades


Xunto a Reza estiveron tamén o alcalde de Celanova, José Luis Ferro; o director xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo; o presidente da Agrupación de Libreiros de Ourense, José Manuel García, e o deputado provincial Pablo Pérez como representante da Deputación. Con eles, un total de nove casetas ofrecían as últimas novidades literarias, cada unha centrada na súa particular temática. Literatura infantil, xuvenil, banda deseñada, novela, libros especializados en temáticas como a horticultura ou as manualidades... A oferta era ampla e numerosos eran tamén os curiosos que durante todo o día se foron achegando ata os postos. Celanova recuperou deste xeito unha Feira do Libro que levaba máis de tres lustros sen celebrarse e que este xoves animou unha das citas máis concorridas da vida diaria dos celanoveses, como é o mercado dos xoves.

Dúas feiras compartindo un mesmo espacio. O rianxo das verduras e hortalizas máis frescas e os libros recén saídos do prelo conviviron nesta xornada festiva. Coincidiu aínda un terceiro factor: a campaña electoral. Membros de tódolos partidos aproveitaron a afluencia de xente para lembrarlle ós veciños que este domingo teñen unha cita coas eleccións municipais. Tres eventos que fixeron da Praza Maior unha gran feira.

Te puede interesar