RABO DE NUBE

Prensa cultural

Francisco Rodríguez, mestre de Periodismo e periodista cultural de longo percorrido, reuniu neste libro algúns dos seus traballos publicados en diversos medios durante os últimos anos, sempre relacionados coa cultura. 

Isto do xornalismo cultural máis que oxímoro (que é o que vén sendo) tiña de resultar pleonasmo. Pero semella que non, que os suplementos culturais que os xornais “comme il faut” adoitaban incorporar semellan tan en extinción como a pita de monte. Por iso resulta reconfortante que haxa xornalistas, em semiexercicio, cal o bueunse, de Bueu, claro, Francisco Rodríguez Pastoriza, que poñan como prioridade a cultura. A Cultura, con maiúscula, que así é ou tiña de ser.

De maneira que o libro seu que teño diante miña, e que devorei coa unción que poño diante do ben escrito, resulta exemplar. Rodríguez Pastoriza, de 1950, profesor da Universidade Complutense e da Universidade CEU San Pablo, ten traballado en TVE e a día de hoxe colabora no grupo Prensa Ibérica. Mais a mín o que máis me interesa del é como toca todos os “paus” da cultura, o que se concreta neste volume no xornalismo cultural, nas consideracions xerais sobre aquela, no mester leitor, na cultura e a guerra, no papel desta contra dos totalitarismos, nas súas relacións coa arte e, “last but not least” (aspecto este da miña parcialidade máis absoluta) encol da música para ser lida. Un abano amplísimo, pois, que nos leva da man de Pastoriza, dono dun estilo e dun concepto tan amenos como ilustrativos por campos fundamentais para a comprensión dun motor esencial para vivir. Pois sen cultura non hai beleza, e sen esta a vida carece de sentido. Eu non sei, certamente, cal é o futuro do xornalismo. O que ven envolvido en papel non semella ter moito futuro.

Ficará, se cadra, o dos espazos electrónicos, iso que chaman “online”, polo que tamén se move Rodriguez Pastoriza. Así e todo aproveitemos, no interìn, a súa sabedoría. Neste  caso enderezada nun libro. E por certo que este formato, o do volume convencional, semella non ter dúbidas. De momento as prrvisions editoras, que agoiraban un futuro espléndido para os ”e-books” semellan  frustradas. E eu, que son un clásico, non deixo de alegrarme. Como a o ler o moi intelixente e ben narrado libro de Francisco Rodriguez Pastoriza. Un xornalista de Bueu que veu a Madrid, non sei se nun bou, mais a impoñer, desde a discreción e a elegancia, estilo e concepto. E docencia. (E decencia). Parabéns.

Te puede interesar