tribuna

A prisión de mulleres de Bande

BANDE
photo_camera Lugar onde se achaba a prisión. Agradecemento a Davide Pérez pola imaxe.
Máis dun millar de mulleres foron encarceradas en toda a provincia durante os anos da guerra

Despois de impoñerse pola forza das armas nas principais vilas e cidades galegas en xullo de 1936, os golpistas someteron á sociedade a unha persecución sen tregua, encargándose de que a morte, o exilio ou a cadea foran os únicos destinos posibles para milleiros de antifascistas. Os encarceramentos masivos que seguiron ao Alzamento obrigaron ás novas autoridades a aproveitar ao máximo os espazos de reclusión existentes, ao tempo que se improvisaban outros novos.

En Ourense bastaron cinco días para que o cárcere provincial se saturase. O 25 de xullo de 1936, o comandante militar, Luís Soto, xa consideraba a posibilidade de acondicionar o vello mosteiro de Celanova como prisión provisional (masculina). Mentres tanto, a prisión de partido da vila transformábase en presidio feminino. O xornal La Región daba conta, na súa edición do día 29, do traslado a Celanova de “trece mujeres comunistas que marcharon de la capital”. Ese día ingresaron no convento celanovés 35 homes procedentes da prisión de partido de Bande, incapaz de facer fronte a unha poboación de reclusos tan elevada.

A prisión do partido xudicial de Bande situábase no mesmo edificio que a Casa do Concello, carecía de patio e contaba cunha instalación eléctrica anticuada. En 1937, comezou a funcionar como prisión habilitada para mulleres, substituíndo definitivamente á de Celanova a partir de abril de 1938. Como sinala o historiador Domingo Rodríguez Teijeiro, as escasas condicións de habitabilidade e seguranza, motivos que serviron para descartala como prisión masculina, non foron, porén, un obstáculo para que se confinasen nela a ducias de mulleres, tanto prisioneiras gobernativas como condenadas con sentencia firme. 

A pesar da súa condición, a prisión de Bande seguiría desempeñando as funcións propias dunha prisión de partido, dando cabida entre os seus muros tamén a homes (separados das mulleres), o que causou algún que outro problema ás autoridades, preocupadas polo exceso de promiscuidade e a falta de seguridade. 

O profesor Julio Prada estima nalgo máis dun millar o número de mulleres que foron encarceradas en toda a provincia durante os anos da guerra. Pero as fontes son parciais e o número de internas oscilaba con frecuencia. Practicar o contrabando, terse manifestado en contra do réxime, ser familiar dun fuxido (ou prestarlle axuda) eran os “delitos” máis comúns. Alomenos tres mulleres foron sacadas da prisión de Bande para ser fusiladas: Erundina Álvarez Pérez, María de la Salud Torres Díaz e María del Valle Lozano.

En febreiro de 1939, a Xefatura Nacional ordenou o seu peche inmediato; mais, por falta de espazo na prisión provincial, onde as penadas debían seguir cumprindo condena, este non se fixo efectivo ata finais de outubro de 1940. Iso significa que, durante máis de ano e medio, a prisión de mulleres de Bande seguiu funcionando de xeito irregular como depósito municipal, sostida con fondos do Concello. Tanto o xefe da prisión como a celadora sí que foron trasladados, deixando ás presas nas mans de inexpertos funcionarios municipais. 

O cambio non contribuíu a mellorar as condicións de vida das reclusas; non obstante, si nos axudará a coñecelas hoxe un pouco mellor. Grazas a un escrito dirixido polo alcalde ao director da prisión provincial en maio de 1939 (“Año de la Victoria”) sabemos da penosa situación na que se achaban as internas. O rexedor de Bande solicitaba o envío de mantas e “colchonetas” pois, habendo 49 reclusas e dous nenos na prisión, só dispuñan de oito almadraques, “en su mayoría casi inservibles”, e sete mantas, “destrozadas todas ellas”. “Anteriormente -seguía o oficio do alcalde- había menaje suficiente pero fue llevado para la Prisión de Celanova con los detenidos que aquí se hallaban (varones) en el año 1937”. A resposta foi categórica: non se lle podían enviar nin mantas nin colchóns porque non había.

Á escaseza de avíos sumábaselle a falta de espazo e a humidade. Así lembraban as irmáns Josefina e Luisa González Cudeiro o seu paso pola prisión nunha entrevista publicada en 2004 na revista Unión Libre:

“Estabamos todas aniñadas... non había camas nin nada... todos os colchóns de crin estaban no chan, e cando á mañá te levantabas (...) levantabas o colchón, e botaba un fume terrible, non se daba secado, pola humidade, e polas paredes que eran de pedra, todas de pedra baixábache a auga (...). Era unha sala simplemente, onde durmíamos moitas. Todo o día e toda a noite... non había nada. Había unha pequena ventá que daba á rúa. Estabamos todas apiñadas. Había un corredor que por alí... podiamos camiñar, pero estabamos sempre pechadas...”.

Nos módulos femininos era frecuente que houbera mulleres xestantes, lactantes e crianzas. A dirección da prisión provincial era reticente a que as grávidas desen a luz no hospital, segundo puidemos constatar nun caso á altura de 1940, aínda que ao final este sí que se acabou realizando. Un ano antes, a Xefatura Nacional censuraba que os reclusos ocupasen “en nuestros hospitales plazas que con notorio mejor derecho deben estar cubiertas por auténticos enfermos que además tienen la cualidad de ciudadanos libres”. Das mulleres en período lactante sabemos que, a partir de 1940, o Ministerio de Xustiza solicitaría dos directores de prisión dúas certificacións mensuais: unha do seu estado de saúde, que había de firmar o médico, e outra da conduta observada, onde tiña que constar si dera sinais de arrepentimento. Para as autoridades nacional-católicas, sen arrepentimento non se podían perdoar os “pecados”.

Te puede interesar