Opinión

O problema é a actual oclocracia

Aínda que o termo xa foi usado por Platón no século V-IV a.C., foi o historiador Polibio, tamén grego, pero xa baixo poder romano, quen no seu libro “Teoría da Historia”, no século II a.C. afondou no concepto de “oclocracia”. Pero empecemos por Aristóteles (s. IV a C.). Sinala tres réximes de goberno posibles: a monarquía, onde goberna unha persoa, e que se o fai en contra dos intereses da maioría dexeneraría en tiranía; a aristocracia, onde gobernan uns poucos, os mellores, e que se o fan mal, só para si, dexenería en oligaraquía, e a democracia, cando gobernan moitos en interese xeral, pero que pode dexenear corrompéndose cos puros desexos da plebe, o que sería a demagoxia.
Polibio afondou no que el chamou a anaciclosis ou a circularidade na historia dos tres réximes aristotélicos, finalizados con candansúa dexeneración e volta empezar. Así, falando da democracia sinala que nela o pobo asume o poder directamente e mentres quedan xentes que sufriron e lembran a insolencia e o despotismo do goberno anterior, procúranse gardar a liberdade e a igualdade. Pero “suceden mozos, entra o goberno na man dos seus netos, e xa daquela o mesmo costume desestima a igualdade e a liberdade”. “A corrupción do pobo comeza por parte dos ricos, pois no propio sistema é onde tropezan os que exceden en riquezas, por iso empregan todos os bens en corromper o pobo de todas as maneiras. A masa popular entrégase e acostúmase, deste xeito, ás máis baixas paixóns e accións deshonestas sen querer renunciar ao seu xénero de vida”. 

O que acaba pasando é que, erradicados os principios anteriores, substitúense a democracia pola súa dexeneración, a oclocracia, o goberno da turba, dunha multitude apaixonada, inconstante, irreflexiva e suxeita a desexos desenfreados, polo que é preciso inventarlle inimigos e enchela de temores para mantela en orde. E así “ata que á fin, encrudelecida a plebe, volve achar señor e monarca que a domine”. E monarca, falando na idea grega, significa, mando único. Se cadra algún, mesmo desde dentro, está pensando niso. Tamén Maduro ou Hitler usaron urnas. Creo que se Polibio vivise hoxe pensaría que despois destes corenta e pico anos de monarquía democrática estamos chegando á oclocracia. Ninguén ousa en falar en liberdade ou opoñerse aos desexos dunha multitude apaixonada, radicalizada artificialmente, axitando espantallos ou sobredimensionando problemas. 

A calidade primordial dun gobernante é a previsión. Ventar na brisa quente a chegada da treboada, e facer o que teña que facer. E a autorización -e promoción no seu caso- de distintos actos de masas o día 8 de marzo, foi un claro exemplo desa fuga oclocrática. ¿Quen se ía plantar diante do colectivo LGTBHIJK e dos de Vox e dos futboleiros todos, para dicir que o día 8 de marzo -hai só tres semanas, como tres séculos- todos tranquilos a casa e coas máximas medidas de distancia social? Non se fixo nada, só deixación do goberno, ou sexa do arranxo dun problema en xestación, porque só se vían os desexos desaforados da muchachada -feminista, dereitosa, futboleira, tanto me ten-. “Lo que mata es el machismo, no el coronavirus”. Róncalle; premonitor berro para o principal dos tres pés esparexedores do bicho. E estaba xa pechada Lombardía. E xa ían na capital cinco mortos e 500 contaxiados. 

En fin, se cadra había que ir a un goberno de concentración que substitúa a oclócratas, afeccionados e improvisadores por demócratas e técnicos. Pero non creo que deixen as máquinas de autorreprodución dos partidos. 

Te puede interesar