ENTREVISTA

A profesora Elisa Alén: "O turismo rural debe traballar en produto"

OURENSE (FACULTADE DE EMPRESARIAIS). 19/04/2018. OURENSE. Retrato de Elisa Alén, profesora del Máster de Turismo en la Facultade de Empresariais del campus universitario de Ourense, para el suplemento EURO. FOTO: ÓSCAR PINAL.
photo_camera Elisa Alén.

Elisa Alén, profesora na Facultade de Empresariais e Turismo do campus de Ourense, é unha das autoras dun informe que afonda na situación do turismo rural en Galicia

 

Elisa Alén, profesora na Facultade de Empresariais e Turismo do campus de Ourense, é unha das autoras dun informe que afonda na situación do turismo rural en Galicia. É un sector de oportunidades, pero tamén urxido de profesionalización e de especialización. Sostén que hai que mellorar o produto, pero tamén salienta que hai moitos exemplos no sector de que se están a facer moi ben as cousas. Seguir nese camiño garantizará a mellora desta actividade.

Está neste momento collendo pulo o sector?  

Si e non. As cifras non parecen demasiado boas, son cifras medias e non reflicten a realidade de todas as casas de turismo rural e por iso pensamos que hai que seguir traballando e agora é o momento de traballar en estratexias concretas que poidan mellorar esas cifras globais porque si que é certo que xa hai algunhas casas que o están facendo moi ben, pero o que é necesario é que todo o sector funcione moi ben como conxunto porque algúns datos non son demasiado bos, como o tema da ocupación. 

Que papel desempeña Ourense no sector a nivel galego?

Ourense como destino de interior xoga un papel moi destacado e penso que se están facendo as cousas moi ben. Unha das propostas que aportamos é a xeración de máis produto e aí hai que destacar o papel da Ribeira Sacra como itinierario turístico que está traballando moi ben, pero tamén en outras localizacións se están tendo en conta recursos endóxenos das diferentes zonas. ¿A qué nos referimos? A non solo ofrecer un aloxamento no rural senon un produto específico que poña en valor eses recursos endóxenos, por exemplo o enoturismo. Estamos a falar de visitas a bodegas e viñedos, rutas do viño... É dicir, ofrecer algo máis que o aloxamento e nese sentido na nosa provincia iso xa se está a traballar. 

No estudo dise que fai falla máis profesionalización.  

Non se pode xeralizar porque hai casas que se xestionan dunha maneira moi profesional, simplemente o que se puxo de manifesto é que hai casos nos que a oferta de aloxamento no rural se está utilizando como unha renda complementaria do rural. Iso quere dicir que as persoas que son propietarias desa casa teñen outra actividade principal. A iso chamamos falta de profesionalización, pero quero matizalo porque daría a sensación de que se ofrece un mal produto e ise non é o caso, non é a mensaxe que queremos mandar. Hai datos que revelan que o tempo que os propietarios adican á xestión das casas é moi pequeniño porque non é a súa actividade principal. 

Están chegando novos investimentos que animen o sector?  

Si, pero non é tanto necesario un investimento directo da administración pública, senon poñer as bases para que esa actividade se poida desenvolver. Hai empresarios que nos din que si hai oportunidade de negocio vai haber investimento. O que temos é que poñer en valor o noso rural e dar as facilidades para que se desenvolva, non tanto facer un investimento directo. Esa época xa pasou coa política de subvencións, que xogou o seu papel e que serviu para recuperar moito patrimonio no rural. Agora hai que pasar a ser máis competitivos, a poñer en valor esa oferta e que sexa capaz de xerar máis sinerxias coas empresas da contorna e aportar maior valor económico. 

Segue a ser o turismo rural capaz de estimular o rural e xerar actividade económica?  

Nós creemos nese potencial e para que ese potencial se desenvolva hai que apostar pola especialización e  xerar sinerxias con outras empresas. O que non pode ser é que solo se ofreza unha cama, un aloxamento. Hai que chegar a acordos con outras actividades, promover o turismo activo con rutas de sendeirismo, de BTT, barranquismo, patrimonio cultural, etc. Hai moitas empresas pequenas que están a traballar nesa linea e xerando un produto, de tal maneira que si vou un fin de semana á Ribeira Sacra non solo durmo alí senon que teño a posibilidade de facer a ruta do románico, por poñer un exemplo. 

Que grao de maduración ten o sector en comparación coas outras comunidades?  

Si comparamos algunha casa puntual posiblemente esteamos por riba, pero en media aínda hai marxe para traballar nesa vía de experiencia e de produto. Non estamos mal pero temos moito potencial para mellorar. 

Cal é o perfil do empresario que quere apostar polo turismo rural?  

É xente que aposta polo medio rural no seu conxunto, que ve que pode ter un medio de vida alternativo e a min me gustaría que fose xente que ve iso como o seu principal modo de vida, que non busca un complemento ás súas rendas. Gustaríame que fora xente que tivera vocación de experiencia turística e que quixera poñer en valor os nosos recursos, que son moitos e moi variados. Temos un valor engadido importantísimo que non estamos a desenvolver en todo o seu potencial. 

Non cree que se pensaba que o turismo rural era arranxar a casa da avoa e servir un par de ovos fritidos con patacas?  

Sí, claro. Así naceu, con boa vontade, pero xa é o momento de cambiar a tendencia. Iso o pode ofertar moita xente. Sei que hai quen se conforma con iso, pero tamén hai moitos que creemos que esa estratexia debe mudar porque si te conformas solo con iso a nosa conclusión é que vas a competir solamente en prezo. A experiencia di que esa non é unha boa forma de competir. 

Que camiño tomará o sector no futuro?  

O que me gustaría é que se siga avanzando no bo camiño e iso quere dicir que a xente xa se da conta das potencialidades do rural e que se traballase máis en produto e en experiencias. Gustaríame tamén que se cambiase a clasificación das casas de turismo rural, que o plan que elabora a Xunta para o turismo nos próximos anos desenvolva novas potencialidades e que somos quen de atraer a máis turistas, de máis calidade e máis internacionais.

Te puede interesar