Opinión

As provincias, de moda

Con isto da movida -que movida!- da mobilidade interprovincial coutada polo “escornavirus”, estamos falando moito das provincias. E deámoslle unha voltiña. A palabra “provincia” usárona os romanos para designar á persoa que exercía o mando en nome dos vencedores. Algo así como “procónsul” en nome do cónsul. E o do cargo acabou pasando a designar unha terra. E como o primeiro territorio vencido fóra da península itálica foi o sur de Francia, pois chamáronlle simplemente a Provincia, o que andando o tempo mudou en Provenza. Si, a arrecendente Provenza dos campos de lavanda ten un nome bastante humillante. 

Ben. As provincias romanas -organizacións do estado- eran grandísimas e cambiaron varias veces. Toda a Península que eu prefiro chamar Hispánica, porque de íbero nada teño, foi dividida en Ulterior e Citerior, ó principio; logo, en Tarraconensis, Bética e Lusitánica; ata que finalmente Diocleciano entre os fins do século III e comezos do IV reorganizou o mapa, e engadiu dúas: a Cartaxinense e a Gallaecia, 

Logo, nos temos medievais, sexan altos ou baixos, o estado foi bastante débil, por mandaren nobres, de distintas categorías, igrexa e alianzas directas da coroa cos veciños. De aí que as divisións fosen condados, marquesados, ducados, etc., etc. Pero por volta da Revolución Francesa, cando lles deu aos veciños galos por decepar pescozos finos, rexurdiron con forza as provincias que os franceses chamaron “departamentos”. A idea revolucionaria era que entre o cidadán e a república, ningún intermediario. Aquí, cando mandou o que tiña pinta de ser o mellor rei posible de España naqueles momento, don Xosé I, empezou a organizar unha estrutura semellante -concellos e provincias-, finalmente aprobados por Javier de Burgos en 1833, e que á penas se alterou ata hoxe máis alá da perda de Cuba, Porto Rico, Filipinas, Guinea, Sahara. Os máis vellos aínda lembramos os representantes nas Cortes de Franco daqueles maxestuosos saharauís ataviados coas súas roupaxes exóticas.

O caso é que despois, coa constitución do Estado das autonomías, na transición política, “boutouse outra planchada” no estado. E temos catro. Personifiquemos, para entendernos. O Estado central -Emilio González Afonso-, a Provincia -Manuel Baltar-, a Autonomía -Marisol Díaz Mouteira- e o Concello -Gonzalo Jácome. Catro mandos en praza. E isto é así en toda España, agás nas autonomías uniprovinciais -Asturias, La Rioja, Navarra, Murcia-onde as deputacións se subsumiron nas administracións autonómicas, o que, para bastantes, sería un modelo a seguir.

Non sei se nos duros tempos de aforro que veñen, tempos tamén de relación telemática crecente coas administracións, é preciso manter un sistema tan complexo e cheo de privilexios -leis privativas- e no que existen ademais unha nube de entidades minúsculas. En Ourense, por exemplo, hai vinte concellos que non chegan a mil habitantes, pero son os que máis preto están das necesidades da xente e máis coñecen os veciños. En fin, o certo é que en ningures se acometeron radicais reformas modernizadoras de sistema deseñados para os tempos de andar a cabalo, e ben que cumpría. Creo. 

Te puede interesar