O proxecto “Raia Termal” amplía as infraestruturas en Bande cunha nova área de autocaravanas

A área de estacionamento, que será de acceso libre e gratuíto, está situada xunto ao Centro de Interpretación Aquae Querquennae-Vía Nova 

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, xunto co presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, José Antonio Quiroga, e a alcaldesa de Bande, Sandra Quintas, participaron hoxe no acto de inauguración da nova área de autocaranavas de Bande, unha iniciativa incluída no proxecto de cooperación transfronteiriza “Raia Termal” para aumentar e mellorar as infraestruturas e servizos turísticos nesta zona termal da Baixa Limia, ás beiras do encoro das Conchas. 

O presidente da Deputación, logo de percorrer as instalacións, manifestou que “este novo paso do proxecto “Raia Termal” ven de ratificar o compromiso que adquirimos no seu día para a recuperación ambiental, a posta en valor das contornas naturais vencelladas ao termalismo e a mellora das infraestruturas, como ferramenta de promoción turística e dinamización económica”. As augas termais, engadiu, “non entenden de fronteiras, e o caso dos recursos termais da Baixa Limia constitúen un claro exemplo polo forte atractivo que teñen entre os nosos veciños portugueses, como así se pode comprobar na significativa presenza de turistas lusos na area termal de Bande”. 

O proxecto transfronteirizo destinou a esta área de autocaravanas un investimento de 130.000 euros, financiados pola Deputación de Ourense e a Confederación Hidrográfica. O novo espazo permitiu habilitar 28 prazas de aparcamento temporal que inclúen servizos específicos para este tipo de vehículos, como sistemas de baleirado de augas grises e negras, tomas de auga potable e depósitos para a recollida de residuos sólidos domésticos. 

Situada xunto ao Centro de Interpretación Aquae Querquennae-Vía Nova e a área recreativa fluvial das Conchas, a uns metros do campamento romano e da zona termal, esta nova infraestrutura permitirá "sacar" o turismo de autocaravanas da área termal dos Baños, ofrecendo ademais unha zona verde para o descanso e o lecer do visitante dotada de mesas e bancos, papeleiras, iluminación e billas de rega. 

A área de estacionamento, que será de acceso libre e gratuíto, contará con paneis informativos para o correcto uso das instalacións. Os vehículos poderán acceder desde o vial que comunica a estrada OU-540 con Porto Quintela, mentres que os usuarios poderán utilizar un camiño público peonil para acceder, a través dunhas escaleiras de nova construción, á travesía central de Porto Quintela. 

Te puede interesar