O PSOE pide un parque infantil e o arranxo dunha praza en Punxín

 As concelleiras socialistas de Punxín veñen de solicitar, mediante a presentación de dúas mocións, a mellora da "Praza do Souto", na localidade de Rubiás, así como a dotación dun parque infantil na parroquia de Vilela.

Indican desde o grupo municipal do PSdeG-PSOE que se trata de demandas dos veciños destes dous lugares. "A parroquia de Vilela é a única do Concello de Punxín que non dispón dun lugar de esparcemento para os máis pequenos", sinala a portavoz socialista, Lorena Peleteiro.

Así mesmo, refírese á praza do Souto de Rubiás, sinalando que "atópase totalmente abandonada e carente de iluminación", indica Peleteiro.
Engaden as concelleiras que están a manter contactos cos veciños de todas as parroquias, dentro das posibilidades pola situación excepcional que se está a vivir do covid-19, co fin de traballar nun "Plan de Mellora Integral do Concello", matizan.

Lorena Peleteiro sinala que "estamos a facer o traballo que debería estar a facer o grupo de goberno, pero ante a súa parálise e desidia, non podemos quedarnos paradas".
Deste xeito, no próximo pleno, o grupo socialista instará a realizar estas dúas obras en Rubiás e Vilela, as primeiras que incluirá nese plan de prioridades das distintas localidades, tras escoitar as demandas dos veciños.

Te puede interesar