Un punto limpo móbil mellorará a calidade ambiental de Rairiz

A reunión entre Vázquez e Morgade foi por videoconferencia.
photo_camera A reunión entre Vázquez e Morgade foi por videoconferencia.

Os veciños de Rairiz de Veiga contarán cun servizo de punto limpo móbil para a recollida de residuos voluminosos urbanos, así como a posibilidade de participar nun proxecto de fomento da compostaxe in situ. Así llo trasladou a titular da Consellería de Medioambiente, Ángeles Vázquez, á rexedora do municipio, Asunción Morgade, nunha reunión por videoconferencia mantida entre ambas representantes institucionais. 

A acción, que redundará na mellora da calidade ambiental deste municipio, poderase levar a cabo grazas ás axudas concedidas pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, das que resultou beneficiaria a Deputación de Ourense con case 170.000 euros para ambos proxectos -Rairiz de Veiga ten delegadas as competencias en materia de residuos á Administración provincial-. Outro dos temas abordados na reunión foi a evolución dos traballos da obra de mellora e humanización de varias prazas públicas deste municipio, unha actuación que se executa ao amparo dun convenio de colaboración que recolle o compromiso da Xunta de achegar un 70 por cento do orzamento necesario para a execución dos traballos. A conselleira de Medio Ambiente tamén invitou á rexedora a participar das liñas de actuación para incrementar o parque de vivendas sociais.

Te puede interesar