baixa limia

Puxedo mallou o centeo no seu quinto ciclo do pan

PUXEDO
photo_camera Veciños de Puxedo nunha demostración da malla.
Nesta edición houbo tamén un obradoiro de elaboración de pan para os máis pequenos 

Os veciños de Puxedo, en Lobios, voltaron estes días no tempo para recuperar os métodos de elaboración artesanais dun producto tan imprescindible na alimentación galega como é o pan. A aldea limiá continuaba deste xeito co ciclo do pan, que este ano celebrou a súa quinta edición. Centos de persoas, tanto adultos como nenos, quixeron achegarse a observar en primeira liña as demostracións dos oficios antigos. Así, a malla do centeo foi realizada, como mandaba a tradición, polos homes do núcleo, que coas súas ferramentas golpearon o cereal para preparalo antes de levalo ó muíño e convertelo en fariña. 

A festa, que contou coa meteoroloxía do seu lado, reuniu a veciños e visitantes en torno a unha ampla programación na que o pan foi o verdadeiro protagonista. Ademais de realizar unha tarefa tan necesaria no ciclo como é a malla, Puxedo acolleu tamén unha feira de artesanía con productos e gastronomía local de artistas da contorna.

Os máis pequenos tamén tiveron o seu espazo. Para eles, Puxedo preparou un amplo surtido de actividades coa tradición como punto de partida. Así, os nenos que se achegaron ata a aldea tiveron ocasión de divertirse nunha sesión de xogos populares na Praza de San Antonio, momentos antes de que se iniciase o obradoiro de elaboración de pan. Nel, os pequenos acudiron ó forno comunitario, onde os veciños lles explicaron o xeito de amasar o pan antes de metelo a cocer. A festa alongouse ata a noitiña co espectáculo "A Voar" da Ce Orquesta Pantasma. 

Pero como o ciclo do pan aínda está sen concluír, mañá sábado terá lugar o último paso: a fornada. Con el, os veciños terán ocasión de degustar este pan de centeo elaborado en Lobios.

Te puede interesar