monterrei

"Queremos que Cualedro forme parte da Denominación de Orixe de Monterrei"

Luciano Rivero.
photo_camera O rexedor de Cualedro, Luciano Rivero.

O rexedor Luciano Rivero logrou incrementar a porcentaxe de apoios para o PP na comarca

Luciano Rivero enfróntase ao seu cuarto mandato consecutivo en Cualedro. O rexedor popular foi o único, xunto a Ana María Villarino -alcaldesa de Oímbra-, que logrou incrementar a porcentaxe de apoios para a formación de Pablo Casado na comarca. 

Como afronta esta nova etapa?

Con moita ilusión. É un orgullo e unha honra para mín ser, por cuarta vez consecutiva, alcalde do pobo que me viu nacer. Incrementouse o apoio á lista do PP de Cualedro ata case un 80 por cento e, debido a que noutras localidades o partido non acadou este respaldo, creo que debemos recoñecer que as urnas nos enviaron unha mensaxe nítida. Eu gobernarei para todos: os que me votaron e os que, democráticamente, optaron por outras formacións. 

Cales son as necesidades máis urxentes que ten o concello? 

Sen dúbida xerar emprego e fixar poboación. Tamén no apartado  máis lúdico e de ocio hai moita demanda, sobre todo da xente que vén de fóra, para que fagamos unha piscina municipal. Xa tivemos contacto tanto con Alberto Núñez Feijóo como con Manuel Baltar e comprometéronse a sacala adiante. Xa lles solicitei audiencia a ambos de novo para tentar que se consolide o proxecto. 

Que medidas tomará para frear a perda de poboación?

Estamos traballando en varias liñas. Por unha banda, reactivando as terras abandonadas para poñelas en producción. Tamén regularemos a ordenanza das novas vivendas sociais premiando ás familias numerosas e seguiremos apoiando ao sector primario. Queremos que todo o que se produza en Cualedro se chegue a transformar no noso futuro parque.  

En que punto se atopa o parque empresarial?

Estamos co plan sectorial. Unha das cousas boas será a ubicación, enlazada directamente coa autovía A-52. O metro cadrado será moi asequible. 

Que potenciais ten Cualedro para desenvolver?

Temos unha poboación moi envexecida, algo que é un problema, pero tamén un recurso, porque se lle pode dar un servizo como así se fixo coa nova residencia. Tamén temos un importante sector primario, viticultura e apicultura. 

Que obxectivos se marca para este novo mandato?

O asentamento de empresas e a construcción do parque empresarial. Queremos, por outra parte, que Cualedro forme parte da Denominación de Orixe de Monterrei, xa que contamos con zonas vitivinícolas como San Millán e San Martiño. Outra das miñas grandes teimas é loitar pola boa comunicación co concello de Laza. Dende alí para chegar a Ourense teñen que dar un gran rodeo, e por Cualedro  sería máis doado. Ademais queremos seguir potenciando os nosos castros e a investigación etnográfica e arquitectónica. 

Que cre que premiaron os seus veciños para ter este respaldo?

A proximidade de todo o equipo de goberno municipal, somos moi accesibles.

Te puede interesar