Opinión

Rabia e ganas...

Leo no xornal do martes as valoracións dos -e das- representantes que saíron elixidos pola provincia de Ourense, tanto para o Congreso coma para o Senado e provócanme, en todo caso, varias reflexións.

A primeira delas -se non reparou, fágalle unha nova lectura comparada- é a coincidencia temática que abordan os oito nas súas contestacións. O remate do AVE, o despoboamento, o medio rural, nalgúns casos o termalismo ou a educación... En fin! Tópicos de manual ou de argumentario partidista que saben perfectamente que non van depender de que sexan máis ou menos incisivos neles, porque precisan de solucións máis complexas cá simple tenacidade que uns e outras poidan teren.

A segunda é que, mentres o PP conserva a cinco -3 e 2- figuras veteranas xa na travesía colectiva do partido, o PSOE envía a Madrid tres caras completamente novas, ata o punto de que incluso para persoas coma min que seguen con certa atención a actualidade política da provincia, resulta aínda difícil ter memorizados os seus nomes. Non sei se con esta casuística ten cabida o debate pasado-futuro sobre a composición das candidaturas porque os que gañaron foron precisamente os que xa levan tempo na política provincial fronte ós que poderiamos chamarmos "neófitos", pero bueno, seguro que hai sectores que si teñen cavilado arredor disto e do desafecto que para moitos militantes este debate pode ter.

A terceira ten que ver coa paridade agora que unha ducia e media de mulleres de Xinzo de Limia decidiron choutar o río sen rede e lanzáronse decididas a saltar as normas legais por iso que de, os homes non, pero as mulleres teñen licencia para presentar unha candidatura completamente feminina, como se a relación obrigatoria do 60/40% só tivese que ser para evitaren listas masculinas, pero non para as mulleres.

Como poderán comprobar empiricamente, por máis que se intente, ó final saíron elexidos cinco homes e tres mulleres.

E a última e máis interesante, alude ó capitel da columna, extraído das declaracións formuladas por Ana Belén Vázquez.

Dado que é natural da miña veciña localidade de Bande e que eu fun que lle fixen a primeira entrevista logo de ter saído elixida, e a fotografei a carón do ilustre fillo da súa terra, Eugenio Montes, penso que con só 23 anos, hai xa dúas décadas, sei perfectamente que é moi propio da paixón que lle pon á vida declarar que "rabia y ganas" non lle van faltar para "dar la cara por Ourense".

Ora ben, se á "rabia" lle quitase un pouco de ferruxe e se convertese -como xa ten feito nalgunhas ocasións- na voz de todo canto non lle permitiron reclamar os seus cando gobernaban, é posible que non consiga moito, pero, polo menos, cando remate a lexislatura terá cuberta a súa folla de servizos e cumprido con xeito o seu papel.

Te puede interesar