Opinión

De Ramirás a Normandía, ida con voltas

Estes días do 75 aniversario da batalla de Normandía -xa se sabe, a terra dos homes do norte, north man- fíxose lembranza nos medios de comunicación da presenza entre as tropas norteamericanas que desembarcaron do galego Manuel Otero. Dicíase que era el o único español presente no desembarco e que este home, despois de ter participado no bando perdedor da Guerra Civil española, e de estar encarcerado en Barcelona, emigrara a USA. O enrolamento no exército tería a dobre misión de pelexar -seguir pelexando- contra o fascismo pero tamén a de facerse coa ansiada nacionalidade estadounidense. Mais morreu ao pisar unha mina na praia de Sant-Laurent-sûr-Mer, que coñecemos todos xa polo nome en clave da operación de desembarco: “Omaha”. Moi loable empeño o dos seus familiares de rescatar tal novelesca memoria e de que lle fagan homenaxe no concello natal de Serra de Outes. Pero non foi o único.

Nas praias de Normandía houbo naquel día de esperanza e gloria, polo menos, sangue doutro galego. Soubemos da súa historia cando o día 22 de novembro de 2001, Roberto Fernández López, á sazón director do IES As Lagoas, escribiu nas páxinas de La Región unha necrolóxica dese seu parente cuxa historia me comprace reivindicar para todos vostedes, especialmente para os da Terra de Celanova neste 75 aniversario.

Adolfo Fernández Fernández, así se chamaba o noso heroe, era natural da aldea de Coveliña, en Ramirás. Emigrou cando neno, levado pola familia, como tantos outros desas terras, a Newark, ese case barrio sur de Nova York, inzado de inmigrantes portugueses, italianos e galegos, cuxa epopea está por escribir ou filmar. E viviu toda a súa vida, coma os máis, de acabalo entre o amor a dúas terras: coa saudade das de orixe pero tamén co agradecemento ás de chegada, pois as posibilidades de desenvolvemento persoal e de sacar unha familia adiante e progresar nos anos vinte, trinta... eran moi distintas en Coveliña, Ramirás, Ourense, e en Newark, New Jersey, USA. A súa vida non se distinguiría moito da doutros milleiros, centos de miles de emigrantes de calquera terra e calquera momento -desarraigo, arraigo, saudades traballo, traballo e máis traballo- pero a el cruzóuselle, involuntariamente, a gloria. A súa participación no exército norteamericano era a normal obriga para un mozo en idade militar, xa, tamén, coa nacionalidade americana. Así pois, o 6 de xuño de 1944, integrado nas divisións do Primeiro Exército americano baixo o mando do maior xeneral Omar Nelson Bradley, baixou da barcaza e botou a correr pola praia adiante baixo ese fogo inmisericorde cuxa evocación plástica nos fixo remexer no asento do cine da man de Spielberg coa longa secuencia de 16 minutos do desembarco en “Salvar ao soldado Ryan”. E Antonio tivo moita máis sorte que Manuel Otero, non pisou unha mina: pegáronlle un tiro. Ferido en combate, foi evacuado e sobreviviu á guerra. Gardou toda vida as medallas e a casaca do exército. Contaba con modestia estas cousas cando viña nos veráns a Ramirás. Roberto Fernández lembrábao pola súa bonhomía, pola súa sabedoría popular e pola súa coraxe cidadá. Por iso, por boa xente, nos comprace compartir con vostedes a súa memoria. Morreu nos comezos do outono de 2001. Para el, neste aniversario, unha lembranza agarimosa.

Te puede interesar