Opinión

Rapaz, contigo berramos e choutamos

O normal é que fose do Lugo porque é un equipo galego. Pero animei ó Huesca. Nunca tal pensara na miña vida. Animar ó Huesca, que está no outro cabo do mundo. Pero no Huesca está un xogador que, mirade por onde, estivo no Lugo. E fóra do partido de hoxe, animei sempre ó Lugo e seguirei animando ó Lugo. Pero hoxe fun do Huesca. Porque se o Huesca ganaba en Lugo, subía a primeira división do fútbol. Son un gran afeccionado ó fútbol. Gústame o fútbol. E animei ó Huesca. Para que subise. Porque, subindo, co equipo, sobe tamén David Ferreiro, que hoxe, xa se pode dicir moi claramente que é o primeiro, e ata agora, único xogador molgués que alcanza a primeira división. É normal que sexa un orgullo para os que somos e nos sentimos molgueses. Eu sei que el é molgués e que se sente molgués. Si, xa sei que lle escribín unha reportaxe para o meu Testemuñas da Memoria. Pero é que hoxe... non todos os días se alcanza a primeira división. E moito olliño, non calquera chega aí. Mirade que non hai futbolistas neste país futboleiro noso... e a gloria só e´para uns cantos, para os elixidos, como dirían nas películas ianquis. Este rapaz non é ianqui (nin falta que fai), pero é glorioso. É normal que estea contento. Eu e os molgueses. Agora mesmo están fumegando as redes sociais da contorna. E con razón! Rapaz, contigo berramos e choutamos. A comerse o mundo, David!

Te puede interesar