Opinión

Raro ano raro

Non sei porque será, pero hai anos mellores ca outros. E podémolo ver así, a feito, en conxunto ou polo miúdo, por sectores. Por exemplo, para as palmeiras foi un ano ruín. Cousas da globalización. Chega un bichoco da Alexandría exipcia, vía sur da Península, e alá van. Para os buxos, outro que tal baila. O seu bicho -papabuxos, bautizado en Galicia-, seica veu de Asia, como tantas outras cousas. En fin. Un día no medio da ría de Pontevedra, ao pouco de pasar na distancia un barco dos que traen madeira de África para Marín, petoume na cara un insecto negro, grande, como nunca eu outro vira; expertos navegantes cos que ía, dixéronme que viñan nos troncos de Angola. Se cadra un día chega un insecto ao que lle gusten os grelos e imos aviados. Non sei se ao igual que as palmeiras que camiñan cara á redución masiva, outro tanto lles pasará aos bípedes implumes coma nós, co noso becho. Vai ti ver. O caso é que como xa hai moita xente, moitos entendidos, moitos que nada entenden, dándolle voltas ao tema este do “mal reinante”, eu vou reparar en que este é un mal ano de setas; mellor dito, , de cogumelos, que hai que falar ben.

Si. Hai anos bos e anos malos. E este non cadrou ben. Pregúntame colegas aos que lles gustan os boletus... e todos de acordo, escasos... Haberá que esperar a ver se se arranxa a cousa, pero a maioría de afeccionados consultados, pouco apañaron. Eu boto de menos os níscalos, aos que en boa fala nosa deberiamos chamar seica “níscaros” ou “míscaros” como fan no norte de Portugal. Pero o caso é que eu de pequeno chamáballa “rovellós”, palabra catalá e castelá que chegou a min de forma curiosa.

Despois da Guerra Civil había no Cumial un centro de detención de baixa intensidade. Quérese dicir que metían alí presos republicanos que non eran destacados e non sabían moi ben que facer con eles. Moitos deles profesionais, estaban nun réxime de semiliberdade, con confinamento nocturno e por horas, pero de día tiñan que saír polas aldeas dos arredores gañar a vida. Varios deles casaron e quedaron por aquí. E algúns foron incluso persoas con certo destaque na vida social ourensá. Un deles, o médico valenciano Federico Lloria Llovera, despois de estar alí interno, exerceu a medicina na Merca e en Ourense, ata vivir nun chalé en Bedoya. E máis famoso que el foi a súa dona, poeta trilingüe en catalán, castelán e galego, Matilde González Palau, coñecida, como era frecuente daquela, polo apelido do home, ou sexa Matilde Lloria. Pois daquela, nos tempos da primeira posguerra, miña avoa Nemesia era mestra polas terras do Cumial e á hora de comer coincidía co tal Ferderico e fixéronse amigos. El contáballe dos cogumelos que collían os presos do Cumial no monte -había moito catalán e valenciano- e seica puxeron de moda entre os paisanos cos que tiñan trato o de comelos, e así chegou o nome. 

Por certo que o trato de amigos viña de que o bo do valenciano ía ás consultas polas casas e custáballe moito entender o que lle dicían os vellos desdentados. “Dóemelle moito a res”, pronunciado todo xunto “dóemellemoitarés”, seica fora a frase que lle fixera solicitar a axuda da miña avoa, como “tradutora” ocasional ao acabar ela as clases na Castellana. 

En fin, releo o artigo e vexo moita cousa mesturada: palmeiras, buxos, covid, presos, insectos, cogordos... No fondo na vida as cousas veñen así ensarilladas. Pois, aínda que non sexa nos cogumelos, que mellore o ano nas outras cousas varias que nos teñen entretidos, ocupados e preocupados.

Te puede interesar