Opinión

A rebotica de Chano Piñeiro

Agora non adoita haber parladoiros nas reboticas. Mesmo parece que xa non hai reboticas. Pero noutros tempos ídos, sí que os houbo. Na de Perfecto Feijoo, por citar unha, deseñouse o intento levado a cabo con éxito de crear os coros e orfeóns galegos. Por aquela celebrada rebotica pasaron coñecidos contertulios, sempre axexados por Ravachol, un insidioso e mal falado  loro que dominaba un vocabulario moi completo de maldizóns.Sabía acertar nos seus anuncios ao dono, avisándoo  da chegada de posible medicinatarios: Perfecto, parroquia! (para anunciar á xente da aldea). Perfecto, clientela! (cando chegaba xente distinguida).

Eu mesmo participei asiduamente nos parladoiros que había na rebotica de Domingo Fernández del Riego, situada na rúa do Príncipe en Vigo, nos que me inicie no galeguismo.Ali redatáronse manifestos e dispuxéronse accións para conseguir que o cardeal Quiroga Palacios se sumase á galeguización da liturxia unha vez que o Concilio Vaticano II aprobase a incorporación das linguas “autóctonas” aos ritos das celebracións relixiosas.

Isto acontecía antes de que Chano Piñeiro chegase a Vigo coa súa muller Mari Luz para abriren  botica na rúa Torrecedeira en Vigo. Ali conversei algunha vez con el, porque ali escribía os seus guión cinematográficos e colaboracións periodísticas. A derradeira vez que o visitei foi para recoller un exemplar do seu libro “Conversas co Vento”, que dedicou con palabras afectuosas. Como queira que abríndoo ao chou batín co título “O espírito das pedras”. Púxenme a lelo mentres el atendía unha chamada telefónica. O artigo describe maxistralmente a desfeita do noso hábitat e a perda da arquitectura tradicional no rural  naque algúns malfeitores colaboraban levando hórreos para as fincas urbás. Deberiamos coidar máis a vida das nosas pedras-remataba dicindo o artigo- que tan silandeiramente nos protexen e abrigan e que, ás veces, vestimos como fermosas esculturas. Deixémolas respirar porque o seu alento faranos máis humanos.

Aquela reflexión tróuxerame a lembranza dunha anécdota referida ás ruinas románicas do mosteriro de San Lourenzo de Carboeiro cando se intentaran trasladalas a Pontevedra.Un grupo de veciños foi falar co gobernador, e co propio alcalde,que daquela era Filgueira Valderde, e ao saíren con este do Concello, miraron as ruinas de Santo Domingo e preguntaron de que eran aquelas ruinas. Do convento de Santo Domingo, díxolles Filgueira. E non sería mellor, dixo un dos veciños, que amañasen todo esto, e mentres nós ímos pensando en se o mosteiro podería ou non vir para Pontevedra? Dísque naquel momento, coa retranca do paisano, remataron os intentos de levar o mosteiro a Pontevedra.

Chano Piñeiro, como boticario que era, reparaba corpos doídos con fórmulas maxistrais e medicinas elaboradas por laboratorios. Pero tamén co seu cine quixo reconstruir a memoria da identidade galega expresada na nosa lingua. Algo que conseguíu con notabre éxito, porque os guións para as películas dirixidas tan maxistralmente por el foron bálsamo para un idioma marxinado e infravalorado polos propios falantes. Na súa rebotica matinou fórmulas culturais que curaron espíritos cativos pola falta de autoestima. Pero tamén para as doenzas dos corpos suministraba a química dos fármacos. 

A Irmandade da Sanidade Galega, celebra os próximos días do mes que andamos senllos actos de homenaxe ao boticario Chano Piñeiro. O día 23, ás cinco da tarde descubrirase unha placa conmemoratica na casa onde vivíu, na encrucillada das rúas Doutor Marañón e Menéndez Pelayo. O día 24, na sede do Colexio Médico na rúa Ecuador,tamén en Vigo, celebrarse a sesión académica da Irmandade con novos ingresos de irmandiños e irmandiñas e unha lección sobre o boticario que foi cineasta.

A posibilidade de darlle á vida un sentido que sexa de interese mesmo no futuro, é capaz, en moitos casos, de impedir a aparición da sicose da senescencia. Tal foi a legado que deixou Chano Piñeiro, que hoxe é merecente de lembranza e homenaxe.

Te puede interesar