SAÚDE

Como actuar ante as ondas de calor? Recomendacións importantes

Fotos calor en Ourense
22-5-17
photo_camera Imagen de archivo de un día caluroso en Ourense, el pasado mes de mayo.

A Xunta activou o plan para facer fronte a unha posible onda de calor. Ourense terá máximas de 35ºC este mércores. Calquera previsión é pouca

A Xunta de Galicia ten en marcha, desde o 1 de xuño, o plan para facer fronte a unha posible onda de calor, co obxectivo de reducir o impacto sobre a saúde da poboación.

Segundo as previsións de Meteogalicia, aínda que durante os próximos días non se alcanzarán as condicións exactas de `onda de calor`, as temperaturas pasarán dos 30 graos en moitas zonas de Galicia, chegando aos 31 en Santiago, Ourense e Ferrol ou aos 33 en Vigo e Pontevedra. O mércores haberá máximas de 32 graos en Santiago, 33 en Vigo e 35 en Ourense.

O Plan establece un sistema de previsión, alerta e comunicación dos riscos, define unha sistemática de intervención para cada nivel de alerta establecido e reforza a coordinación institucional entre as unidades competentes nesta materia.

Considérase onda de calor cando o índice de sensación térmica é superior, como mínimo, a 24 e superior ao percentil 95 dos valores obtidos nos resultados históricos desa zona. Ademais, deben darse temperaturas mínimas superiores a 20 graos, con continuidade durante dúas ou máis xornadas.

Xunto a Consellería de Sanidade e Servizo Galego de Saúde, tamén participan no plan as consellerías de Medio Ambiente, Vicepresidencia e Política Social.

Este Plan de actuacións da Xunta fronte aos posibles efectos das altas temperaturas sobre a saúde coordínase co Plan Nacional de Accións Preventivas contra os Efectos do Exceso de Temperaturas, do Ministerio de Sanidade.


RECOMENDACIÓNS

Para protexerse da calor, Sanidade recomenda beber máis líquido do habitual, sen esperar a ter sede, sobre todo auga e zumes de froita lixeiramente fríos. Deberase evitar inxerir bebidas quentes, alcohólicas, café, té, e as moi azucradas.

Así mesmo, deben comerse verduras e froitas en abundancia e evitar as comidas copiosas. Respecto da vestimenta, convén usar roupa de tecidos naturais, lixeira e folgada, de cores claras, chapeus, lentes de sol e cremas protectoras solares. O calzado deberá ser cómodo, fresco e que transpire.

No interior dos edificios aconséllase permanecer, se é posible, en espazos ventilados ou acondicionados e utilizando as habitacións máis frescas da vivenda. Durante o día, baixaranse as persianas e pecharanse as xanelas, abríndoas pola noite para ventilar.

Nos momentos de calor máis intensa, recoméndase refrescarse o corpo cunha ducha ou cun baño en auga morna. Ademais, procurarase eludir as aglomeracións de persoas en locais sen aire acondicionado. No exterior dos edificios evitaranse, na medida do posible, as actividades nas horas máis calorosas, reducirase a actividade física, procurarase buscar as sombras e, cando se estacione o coche, non se deberá deixar no interior nin a nenos nin a anciáns.

Te puede interesar