Foi con motivo da celebración do Festival Internacional de Poesía e Performance “Kerouac”, celebrado en Vigo, cando me reencontrei con Antón Reixa e Alberto Avendaño despois de moito tempo sen vernos. E foi no ateigado auditorio da Fundación Barrié onde se celebrou un dos actos importantes desta cita anual aberta e cosmopolita coa poesía e as vangardas da arte e da cultura.
Ademais de interesantes artistas, poetas e poetisas, esta edición contaba co aliciente de ter sobre o escenario aos fundadores daquelo que foi sen dúbida a semente da movida poética urbana nos anos nos que na cidade olívica a música, a pintura ou as artes escénicas comezaban a ebulir dun xeito imparable. E aí estaban Antón Reixa, Alberto Avendaño e Manolo Romón, entre outros que tamén puxeron o seu grao de area, para poñer letra e voz a poemas, manifestos ou creacións conformando o “Grupo de Comunicación Poética Rompente”, que revolucionou o xénero confraternizando con todo o que a cidade comezaba a ofrecer, desde a música de Julián Hernández, incluso antes de liderar “Siniestro Total”, ata as pinturas de Patiño ou Lamas, que logo Reixa mesmo utilizaría para atrezzar o escenario de “Os Resentidos”, como eu ben recordo no seu paso pola Alameda alaricana, con todo o follón que se montou, cun Reixa pletórico a golpe de megáfono promocionando aquel primeiro disco “Vigo, Capital Lisboa”.
Este reencontro con Reixa foi especialmente emotivo porque a última vez que falamos foi cando se entereou da miña doenza e non puidemos conter as bágoas, aínda él convalecente das secuelas do terrible accidente de coche que o mantivo durante días ao outro lado da “raia”, e que felizmente para os que seguimos a este polifacético artista deu lugar á súa creación literaria “Míchigan acaso Míchigan”, recordando aqueles 18 días que estivo en coma inducido e que ao despertar soamente recordaba obsesivamente que volvía dunha viaxe a Míchigan.
E o mellor Reixa volveu para estar entre nós, e coa lucidez e creatividade que o caracterizan sorprendernos enriba do escenario, acompañado do tamén televisivo Manolo Romón, a quen moitos recordan, ademáis das súas etapas por presentar “Todos a bordo” e “Libro Aberto” na TVG, por encarnar o papel de Don Venancio na exitosa seire “Libro de Familia”. E a familia non estaría completa se non regresaba para a ocasión desde os Estados Unidos Alberto Avendaño, a quen eu coñecín cando nos veráns aproveitaba a súa estadía en Galicia para conducir o “Miradoiro” da Radio Galega, a golpe de “Alborada de Veiga” para comezar, ou para presentar na TVG a Gala de homenaxe a Ana Kiro na Coruña.
Con Alberto mantiven contacto radiofónico durante algunhas tempadas nas que me informaba en directo desde Texas, onde él vivía e traballaba como xornalista, escritor e profesor, de todo o que acontecía por terras americanas. O amigo Avendaño prometeume que nuns días nos volveríamos atopar para falar de todo o que non falamos durante tantos anos de ausencia e para fotografarnos con ese flamante Premio “Emmy” que atesoura entre todos os seus galardóns.
Este reencontro cos fundadores de “Rompente” en Vigo foi desas citas difíciles de olvidar.