entrevista

"A relación pai-docente é negativa para o neno cando os proxenitores teñen perfil inspector"

Ourense. 16/05/2018. Entrevista a Daniel Barata.
Foto: Xesús Fariñas
photo_camera Daniel Barata Quintas.

Daniel Barata foi nomeado o docente ourensán exemplar do ano 

O "Docente exemplar ourensán 2018" defínese como galegopensante. A perda do galego como primeira lingua entre os nenos preocúpalle a Daniel Barata, xa xubilado, que no 1963 foi o primeiro da  súa promoción nas oposicións a Maxisterio. O  sindicato independiente ao servizo do profesorado da ensinanza pública (ANPE) elíxeo para este recoñecemento, que coincidiu onte coa véspera do Día das Letras Galegas, "querendo recordar a aqueles que as ensinan", suliñan dende o sindicato. José Manuel Fernández, presidente de ANPE Ourense, destacou de Barata a súa "adicación á educación, que vai un paso máis alá cunha adicación honesta á sociedade". O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, fixo referencia á "facilidade de resolver conflitos"  cando a figura do homenaxeado estaba polo medio. Nun acto solemne do curso 2018-2019, o vindeiro 20 de outubro, celebrarase o recoñecemento a Daniel Barata. No mesmo, distiguirase tamén aos profesores xubilados do Ensino Público no presente curso na nosa provincia. 

Ao recibir este premio, resalta a importancia da relación persoal profesor-alumno. É máis complicada hoxe a cercanía?

As cousas cambian e deben cambiar, pero as relacións non cambian tan fácilmente. Para que se poida producir unha relación educativa fluída sempre serán mellores se se adaptan a estas condicións. A relación de afecto co neno é natural. Para os pequenos, o seu profesor é "o máis listo do mundo". Se iso se mantén, é unha relación positiva. É imprescindible que haxa afecto para que haxa aprendizaxe. A segunda cuestión que se pode dar na evolución escolar é a admiración polo profesor. Son as dúas bases que pasan desapercibidas pero determinan con moita forza o éxito ou o fracaso.

Entón ve maior dificultade para que se produza este tipo de relación hoxe en día?

Máis que nunca, porque se produce na propia sociedade. Andamos máis de présa, temos tendencia a illarnos e ese illamento fai que non se esté tan atento. A conxunción pais-profesores é sempre positiva para o alumno, pero non é boa si os pais teñen unha relación de perfil de inspección. 

Que significa ser "exemplo" docente?

Exemplar é un concepto moi amplo. Para min esto é máis unha grande satisfación a título persoal. É normal que nun ámbito de asociación, un grupo de docentes pensa nunha persoa, pero non quere dicir que sexa a mellor nin a única. Hai moito docente onde elixir, afortunadamente. 

Confía nalgún método educativo ou fuxe desa palabra?

Hai profesores que parece que naceron para iso, outros presentan grandes dificultades. A medición do servizo educativo ten varias partes: a distancia de idades, os sentimentos e o entorno familiar. Precisamente, o entorno familiar non sempre reforza mutuamente as relacións. Iso é o que suscita maior dificultade. O profesor é o máis comprometido para solventar iso, porque se prepara na carreira para traducilo á realidade. A función dos pais é educar e a dos  profesores, formar. Hai países nos que os conflitos relacionados coa educación supoñen a devolución do neno á casa ata que esté en condicións de volver ao colexio. Si se fixera iso en España, como sería!

En cuestións como o "bullying", que papel ten o docente?

Moi importante. Está en condicións de distinguir e estar interesado en evitalo. É unha situación que está tódolos días saíndo nos medios de comunicación. É un tema fundamentalmente educativo. O centro ten que ver moito, pero a familia ten que ver o fundamental. O que vén na casa os nenos.

O docente non é a persoa que máis pode facer se detecta unha situación así?

Si. Hai procesos de iniciación de introducir estes temas no ámbito escolar, canto antes se faga, mellor. 

Preocúpalle a perda de galegofalantes, que os nenos non utilicen a lingua?

Si, moito. Como responsable de cultura no seu momento, xa vía que esta situación era moi social. Cometen un grave error os políticos que queren obligar a falar galego. O idioma é patrimonio de cada un. O papel do profesorado é importante, pero o aprendizaxe non garantiza que se fale. É unha pena.

Cre que dende as escolas se fai todo o posible para revertir a situación?

É o entorno social. As intrusións, como o uso de letreiros ou nomes de produtos en inglés nos comercios de Ourense. Onde está a RAE? E a RAG? É bo para os alumnos que aprendan tantos idiomas pero... O que fai a un idioma como tal non é sabelo, é usalo. Eu son galegopensante. 

Te puede interesar