infantil

Remata en Carballiño o campamento sobre a inclusión a través das artes

campamento carballiño
photo_camera Marison Díaz Mouteira cos participantes no campamento.
A actividade serviu coma ferramenta educativa para favorecer a inclusión a través de diversos obradoiros teatrais e da rodaxe de pezas audiovisuais musicais 

Un total de 36 persoas con discapacidade intelectual e con idades comprendidas entre os 11 e 40 anos participaron no programa "Facendo Camiño", da Consellería de Política Social, que se desenvolve na Residencia do Tempo Libre do Carballiño. O programa, xestionado pola empresa Marexada e dirixido polo educador e actor Xabi López, comezou a principios de xullo e remata mañá. En cada quenda os participantes estiveron atendidos por un equipo técnico multidisciplinar formado por educadores, terapeutas e profesionais das artes escénicas e do audiovisual. 

"Facendo Camiño" serviu coma ferramenta educativa e artística para favorecer a inclusión a través da realización de diversos obradoiros teatrais e da rodaxe de diversas pezas audiovisuais musicais en diferentes formatos (videoclip, lipdub, stop motion, flashmob). Ademais, os participantes  completaron a súa estancia xogando e coñecendo os arredores do Carballiño e a súa estreita relación co Camiño, favorecendo así a súa inclusión plena na propia comunidade e cumprindo todos os obxectivos educativos, sociais e artísticos do programa. Segundo os seus monitores "esa é a base real do programa: facer camiño pola inclusión social a través das artes".

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, visitou onte aos participantes da terceira e última quenda, sinalando que a Xunta promove este tipo de iniciativas co fin de que as persoas con discapacidade participen en actividades de ocio adaptadas as súas necesidades e accesibles.

Te puede interesar