elecciones

Revitalizar a economía e asentar poboación, as urxencias de Celanova

José Luis Ferro, Julio Vázquez, Antonio Puga y Leopoldo Rodríguez.
photo_camera José Luis Ferro, Julio Vázquez, Antonio Puga y Leopoldo Rodríguez.

Catro candidatos con catro formas de entender Celanova ofrecen a súa visión da situación actual da vila e os puntos por onde debería pasar o seu futuro a partir do día 26.

1. Como valora a xestión municipal levada a cabo durante os últimos mandatos e cal é a súa visión da situación actual de Celanova?

2. Na actualidade, cal considera que é a urxencia máis apremiante que presenta a vida na vila?

3. No caso de que conseguise o apoio suficiente para chegar á alcaldía o día 26, cal sería a primeira medida que tomaría como rexedor? 


José Luis Ferro (PP)


1. Todo é mellorable e iso é algo no que traballamos tódolos días, pero é certo que a situación mellorou moito dende hai catro anos, sobre todo no aspecto interno do Concello a nivel económico, reducimos a débeda bancaria ata puntos insignificantes. Considero que fixemos unha xestión seria e iso serviu para mellorar e situarnos nunha boa posición para realizar investimentos de cara a mellorar os servizos. 

2. Creo que a maior urxencia que temos é o tema do comercio local para que acabase de despegar. Somos unha vila eminentemente comercial e non podemos desaproveitar iso. Para iso, temos traballado coa asociación de comerciantes, con quen temos moi boa sintonía e tamén colaboramos en campañas que teñen funcionado moi ben e atraeron a xente de fóra. Despois, tamén sería necesaria a construcción da piscina climatizada, que é unha necesidade real que temos como cabeceira de comarca. Outro aspecto sería o aumento das prazas da residencia de maiores, que son insuficientes e temos unha alta demanda neste sentido. 

3. O primeiro que faremos será crear unha Concellería de Comercio para darlle apoio e un impulso claro ó sector en Celanova. 


Leopoldo Rodríguez (BNG)


1. Celanova está nunha parálise profunda. Fronte a esa inercia de inactividade do actual goberno hai que buscar fórmulas que resolvan os problemas da xente, contar coas grandes posibilidades que ofrece o noso concello. Celanova necesita recuperar a ilusión e a autoestima. Necesitamos salvar o que queda e recuperar o que aínda non morreu de todo. Aquí hai unha rutina do abandono que cada vez estamos vendo máis. 

2. Podemos empezar por calquera, hai unha serie de necesidades apremiantes. Por unha banda estaría a participación social e a transparencia. Unha ordenación do territorio, porque levamos dende 1996 sen un plan de ordenación municipal. Necesitamos canto antes tecido industrial, a piscina climatizada, unha casa da mocidade e a locais sociais do rural, que está absolutamente abandonado. E teriamos que dar solución urxente ós problemas de saneamento e abastecemento. 

3. Empezariamos dende o minuto cero con estas medidas prioritarias. Fariamos unha reunión con tódolos traballadores do Concello para cambiar a forma de traballar. Sobre todo, poñer en valor as nosas potencialidades, que son moitísimas para ser o referente de vila que fomos.


Julio Vázquez (PSOE)


1. O último mandato resúmese en inacción e vagancia. Ninguén lle impediu traballar e facer o que tiñan que facer, dada a súa maioría absoluta. Celanova non vai ben. O principal problema actual é económico, nunca tiveron como fin xerar negocio nin o impulso económico e sin el non hai emprego, consumo ou empresas. Só despoboación e ruina. A situación actual é dunha vila moi "tocada" que vai costa abaixo.

2. O urxente é o cambio de goberno. Non poden ser os mesmos os que arranxen o destrozo que produciron. Imos darlle a volta a este pobo e a nosa referencia vai a ser Vigo. Empezaremos por xerar negocio a partir dos recursos que temos.Constituiremos unha empresa pública para a que contrataremos un experto ou experta en xestión cultural e turística. 

3. Unha rebaixa dos impostos, en especial o IBI, un dos máis caros da provincia. Habería que traballar de immediato na axenda do verán facendo que o periodo de festas vaia de mediados de xullo ata o remate de agosto con eventos como Festival de bandas, bailables polas noites, Noite de fiadeiro, o Folión Castrexo renovado, Ramallosa-Fest. Veriamos a situación da Mancomunidade para coordinar os servizos sociais.


Antonio Puga (CD)


1. Dende a miña perspectiva como veciño, diría que a situación actual é de estancamento crónico, de certa deixadez. Pero temos moitas posibilidades de mellora que teñen que poñerse en marcha pola corporación que saia elixida o día 26. En canto á valoración dos mandatos anteriores, é unha opinión que lle corresponde ós veciños, que a manifestarán nas eleccións.

2. Non creo que haxa unha urxencia específica, diría que é unha cuestión global. É urxente intentar dinamizar economicamente a vila e o resto de pobos do Concello, algo que pasaría inicialmente polo aspecto turístico, que é o que nos pode dar máis logros inmediatos. Tamén o agro, intentando fomentar o cooperativismo e tendo como punto de referencia a Praza de Abastos. Outro aspecto sería o Parque Empresarial, buscando inversores.

3. O primeiro que fariamos sería sentarnos cos outros grupos políticos para ver cales son os puntos comúns dos nosos programas e tamén falariamos cos alcaldes dos concellos próximos. Entendemos que para lograr algo realmente bo, temos que pensar nas Terras de Celanova e a Baixa Limia, co obxectivo de fomentar o emprego e asentar poboación. 

Te puede interesar