Opinión

"Revolution on Ice" de Javier Fernández

Era o gran agasallo que “Papá Noel” encargou por adiantado xa en marzo para o noso goce a pasada fin de semana no Coliseum da Coruña. Non podiamos deixar pasar a este bicampión mundial e sete veces Campión de Europa, sen renderlle pleitesía e gozar cun espectáculo realmente magnífico, nunha tardiña que se voaba literalmente na cidade herculina, pero que pagou a pena viaxar desde Vigo coa tranquilidade de que, xa metidos en gastos, iamos quedar nun dos estupendos hoteis pegados ao recinto sen ter que xogarnos a vida na autopista nunha noite de “Deus toca a xuizo”.

A min chegoume tarde a afección ao patinaxe, nun País pouco dado a montar pistas de xeo salvo nos tempos de Nadal, pero non crean que non sinto envexa cando a sempre estupenda xornalista deportiva Paloma del Río, recente Premio Ondas á mellor presentadora, nos emociona cos seus relatos, que mesmo a levaron a chorar de alegría cando Javier conseguía o seu derradeiro Campionato de Europa.

Tivemos a inmensa fortuna de que o noso campionísimo asistise ao programa “Land Róber” que se grava no plató que linda co de “Bamboleo”; e coa colaboración do amigo Alberto Devesa conseguimos falar e fotografarnos co noso admirado patinador, que ocupaba o camerino que eu ocupo en múltiples ocasións. Toda unha honra.

Evidentemente, cando un merca as entradas con tantos meses de antelación e cun autotrasplante nas portas da pasada primavera comprenderán que colle as mellores localidades con dereito a todo, o que inglesamente chaman “Meet and Greet”, isto é, acceder ao cáterin, sentarte a pé de pista e poder saudar a todo o elenco de patinadores, cousa que tamén fixen con Javier Raya, que  demostrou sobre a pista o por que é un referente na patinaxe en España, ou co canadense Jeffrey Buttle, campión do mundo no 2008. Alí estaba tamén a campiona estadounidense Ashley Wagner e outros campións rusos, italianos, e franceses, sen esquecerme dos grandes coreógrafos canadenses David Wilson e Sandra Bezic, que co seu traballo fixeron as delicias de todos nós durante as dúas horas que durou o espectáculo, seguido tamén con grande interese por Marta Ortega e o seu pequeno, que estaban un par de filas por detrás da nosa e que chegaron ao patio de sillas con total naturalidade e discrección. Como tén que ser.

Os magníficos espectáculos de Javier Fernández sempre levan artistas convidados e música en vivo, todo elo coordinado polo gran Carlos Jean, cantante e compositor ferrolán, seis veces nominado aos Grammy Latinos e Premio Ondas, que exerce de director musical do Tour, que no caso da Coruña incorporou a Belén Aguilera e o gran Blas Cantó, próximo representante de España en Eurovisión, que interpretaron en directo varios temas mentres na pista os patinadores executaban as súas estupendas coreografías, como as dos italianos campións do mundo en 2014 Anna Cappellini e Luca Lanotte, e con concesións ao humor, como foi o caso dos rusos Oleksiy Polishchuk e Vladimir Besedin, reservando un dos momentos máis aplaudidos para cando o xoven patinador Juan Ureña fixo o seu show coa sintonía do videoxogo de Mario Bros, colaborando xunto coa tamén xoven Celia Robledo na idea coa que Javier Fernández quixo que marchásemos para a casa: “Que os soños poden facerse realidade”. Noite máxica e marabillosa. Grande “Súper Javi”.

Te puede interesar