Cambio climático

Ribadavia acorda adherirse ao Pacto dos alcaldes contra o cambio climático

A adhesión implica a adopción dun plan de acción onde se inclúen medidas como a redución de consumos enerxéticos

O Concello de Ribadavia decidiu na última sesión plenaria adherirse ao Pacto dos alcaldes para o clima e a enerxía, promovido pola Unión Europea. Consiste no compromiso dos concellos signatarios de facer propios os obxectivos da Unión Europea para o ano 2030 e reducir as emisións de CO2 no seu territorio en, polo menos, o 40%, a través de medidas de eficiencia enerxética e dun maior uso de fontes de enerxía renovable, traballando a súa vez na implantación de medidas de adaptación ao cambio climático, así como un aumento da cooperación coas autoridades locais e rexionais similares na UE e fóra dela para mellorar o acceso á enerxía segura, sostible e alcanzable.

A adhesión ao Pacto dos alcaldes implica a adopción dun Plan de Acción Polo Clima e a Enerxía Sostible onde se inclúen medidas para frear o cambio climático. Estas medidas abordan cuestións como a redución de consumos enerxéticos e a substitución de enerxías fósiles por renovables, co obxectivo de reducir a pegada de carbono do municipio, e serán de aplicación en edificios, instalacións, equipamentos, transporte público e privado e ciclos de tratamento de residuos sólidos e augas residuais.

O alcalde de Ribadavia, César Fernández, sinalou que "coa adhesión, Ribadavia incorpórase ao maior movemento mundial de autoridades na loita contra o cambio climático". O concello deberá realizar un inventario de emisións de referencia e unha avaliación de riscos e vulnerabilidades derivados do cambio climático, como base para o plan de acción no que se resuman as medidas clave que planea levar a cabo.

Te puede interesar