vendimia

Na Ribeira Sacra recollerase este ano un 10% máis de uva ca no 2017

ribeira_result
photo_camera A conselleira, en Adegas Cachín.

A conselleira de Medio Rural visitou as instalacións da Adega Cachín, na Teixeira, no que foi o seu primeiro día da vendima 2018

A Denominación de Orixe Ribeira Sacra prevé recoller ata 6 millóns de quilos de uva de gran calidade, o que suporá un aumento da produción en preto dun 10% con respecto á vendima do pasado ano. Son os datos que onte se fixeron públicos na visita da conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, que se desprazou ata o concello ourensán da Teixeira para coñecer as instalacións de Adegas Cachín e ver os traballos de vendima. 

A conselleira, que estivo acompañada pola directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, e pola delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz, constatou a gran calidade da uva en xeral nas cinco denominacións de orixe e, en especial, na da Ribeira Sacra, grazas á humidade dos últimos meses que fixo que os viñedos producisen unha uva máis equilibrada. Vázquez destacou as boas previsións no conxunto destes cincos selos de calidade, pois espérase unha recolleita de 61 millóns de quilos de uva. A maior parte do froito corresponde á denominación de orixe Rías Baixas, con case o 60% do total. Por volume de uva a recoller, a seguinte denominación é a do Ribeiro, cunhas previsións de 10 millóns de quilos, seguida pola Ribeira Sacra con 6 millóns de quilos, Valdeorras con 5 millóns de quilos e, por último, Monterrei, con 4 millóns de quilos.

Te puede interesar