O grupo municipal Ribeiro en Común reclama ao goberno de Ribadavia unha homenaxe a Luís Brage, insigne músico galego, director da Banda A Lira de Ribadavia nos anos da república.
"Pedimos a declaración de fillo predilecto, a título póstumo. O Concello debe promocionar e impulsar accións de homenaxe, difusión e memoria histórica desta figura insigne", sinala a formación.
Luís R. Brage Villar foi protagonista da música galega das primeiras décadas do século XX, destacando en moitos dos seus formatos: orfeóns, orquestras, ou bandas. Sendo a súa etapa en Ribadavia, do 1929 ao 1936, das máis prolíferas.
Ribeiro en Común refírese a unha publicación do Consello da Cultura Galega, que asina ao musicólogo David Ferreiro, e que volve chamar a atención sobre esta importante figura que supuxo Brage na música e cultura galega, cuxo legado foi ocultado como represalia política tras o golpe de estado de 1936.
Por todo elo, este grupo da oposición solicita que o Concello de Ribadavia organice e realice unha homenaxe á figura de Luís Brage Villar, en colaboración con outras entidades como o Museo Etnolóxico e a Banda A Lira, entre outras.