Política

Ribeiro en Común reclama máis axudas á rehabilitación

Dende o grupo político piden que se inicien os proxectos para os núcleos de Francelos, San Paio e Santo André

Ribeiro en Común pide que se aumente a máis núcleos do municipio as axudas para rehabilitación. Reclaman que se inicien os proxectos para os núcleos de Francelos, San Paio e Santo André. Con tal motivo rexistra unha nova moción para que desde o Concello de Ribadavia se amplíen as axudas de rehabilitación a máis núcleos históricos do municipio. Neste sentido piden que se comecen desde xa a redactar os seus proxectos para os núcleos históricos que poidan axustarse a este requisito. 

Para Ribeiro en Común esta debe ser unha tarefa a realizar sen máis demora, comezando por Francelos, San Paio e Santo André, ademais de outros núcleos que poderían sumarse como Sanín. 

Este grupo municipal xa logrou que se aprobara no pleno de novembro do ano pasado esta proposta, que volve a presentar despois de que esta semana se asinara un novo convenio entre o Concello e Ministerio de Fomento, dándolle continuidade ao Plan de Vivenda 2018-2021.

Nese sentido, sinala que este convenio de outubro de 2019 ven a continuar o asinado en outubro de 2018, para que propietarios de inmobles no casco histórico de Ribadavia e San Cristovo que reformen as súas vivendas poidan optar a subvencións públicas do Estado e da Xunta. "Polo tanto, non é un plan novo", puntualiza.

Así mesmo, Ribeiro en Común engade que este "novo convenio é froito de meses de traballo técnico da oficina municipal do concello". Son 216.650 euros do Estado máis 56.550 da Xunta en subvencións para un máximo de 12 vivendas.

Te puede interesar